martes, 13 de septiembre de 2016

Tarsis e Tartesos

Durante moito tempo tense debatido acerca da identificación de Tartesos con Tharshish/Tarsis, un termo bíblico frecuentemente mencionado a propósito do reino de Salomón, rei hebreo do século X a.C., aliado do fenicio Hiram, rei de Tiro.
Esa identificación fundouse tanto na semellanza fonética entre Tarsis e Tartesos como no feito de que Tarsis refería un país ou terra moi afastada de onde volvían os barcos cargados de tesouros.
O problemático desta identificación é que o sentido de Tarsis é farto polisémico (pois tamén funciona como nome persoal ou como tipo de nave), e incluso cando se emprega como topónimo, falta calquera precisión xeográfica que permita aventurar a súa localización aproximada.
En canto á súa polisemia:
como nome persoal
  • Xénese 10: 4. Os fillos de Iaván: Elisa, Tarsis, Quitim e Dodanim.
como tipo de nave
  • I Reis 10:21-22. 21 Todos os vasos de beber do rei Salomón eran de ouro, tamén todas as vasillas da casa do bosque do Líbano eran de ouro puro, ningunha era de prata; esta non se consideraba de ningún valor nos días de Salomón, 22. porque o rei tiña no mar as naves de Tarsis coas naves de Hiram, e cada tres anos as naves de Tarsis viñan traendo ouro, prata, marfil, monos e pavos reais.
  • I Reis 22:48. Iosafat construíuse naves de Tarsis para ir a Ofir por ouro, pero non foron porque as naves romperon en Ezión-geber.
  • Isaías 23:1,6,10. Profecía sobre Tiro. Xemede naves de Tarsis, porque Tiro foi destruída, sen casas e sen porto...
  • Isaías 60:9. E as naves de Tarsis virán primeiro, para traeren aos teus fillos de lonxe, e a súa prata e o seu ouro con eles...etc.,etc.
como topónimo
  • II Crónicas 9:21. porque o rei tiña naves que ían a Tarsis cos servos de Hiram, e cada tres anos as naves de Tarsis viñan traendo ouro, prata, marfil, monos e pavos reais.
  • II Crónicas 20:36. E aliouse con el para facer naves que foran a Tarsis, e construíron as naves en Ezión-geber.
  • Salmos 72:10. Os reis de Tarsis e das illas traerán presentes; os reis de Sabá e de Seba ofrecerán tributo
  • Ezequiel 27:12. Tarsis era o teu cliente pola abundancia de toda riqueza; con prata, ferro, estaño e chumbo pagaban as túas mercadorías. 
  • Isaías 66, 19. Eu dareilles un sinal, e mandarei os sobreviventes a Tarsis, ás nacións de Put, de Lud, de Mosoc, de Ros, de Tubal e de Yaván, des illas afastadas que non escoitaron nunca o meu nome e non coñecen a miña gloria.
  • Xonás 1,3. Pero Xonás se ergueu para fuxir da presenza de Yavé a Tarsis, e viaxou a Jope, onde encontrou un navío que se dirixía a Tarsis. Pagada a pasaxe, embarcou nel para marchar con eles a Tarsis, lonxe da presenza de Yavé.
Estela de Nora
Un único testemuño epigráfico, tamén controvertido, ofréceo a chamada Estela de Nora, na que se conmemora a fundación dun templo fenicio na illa de Sardeña (nun territorio, Nora, rico en metais). O texto, que está escrito en lingua fenicia e se data arredor do s. IX a.C., suponse que documenta o termo TARSHISH na súa primeira liña. Hoxe en día, a discusión sobre este estela cuestiona que o topónimo Tarsis se refira a Tartesos, propoñéndose a súa interpretación como o nome fenicio de Nora ou algún outro topónimo sardo veciño.



  1. BT RŠ Š (Tarshish)
  2. NGR Š H’
  3. BŠRDN Š
  4. LM H’ ŠL
  5. M SB’M
  6. LKTNBN (Milkaton)
  7. Š BN NGR
  8. LPNY
 

Máis tarde os gregos empregan o termo Tartessos para referirse a unha rexión concreta do SO ibérico e máis ao río que a atravesa. Desta rexión tiveron un coñecemento directo a partir da segunda etapa das colonizacións gregas dos séculos VII-VI a.C.
  • Case en fronte da ilustre Eritia, máis aló das augas inesgotables, de raíces de prata, do río Tarteso, deuno a luz, baixo o acubillo dun penedo (Estesícoro de Himera, Xerioneida Fragm., p.7)

Xa a comezos do século VI a.C. Anacreonte de Teos fixera unha rápida alusión poética á lonxevidade de Argantonio, o rei tartésico de quen temos noticia máis cumprida da man de Heródoto de Halicarnaso (s. V a.C.). Nas súas Historias, no primeiro dos seus 9 libros, conta como os foceos (gregos minorasiáticos expulsados da súa cidade pola presión persa no s. VI a.C.), que:


Pentecontera, nave de guerra grega de 50 remeiros,
vaso de figuras negras 



  • ... por certo, foron os primeiros gregos que realizaron longas viaxes polo mar, son eles quen descubriron o Adriático, Tirrenia, Iberia e Tartesos. Non navegaban en naves mercantes, senón en penteconteras. E, ao chegaren a Tartesos, fixéronse moi amigos do rei dos tartesios, de nome Argantonio, quen gobernou Tartesos durante 80 anos e viviu un total de 120. Logo despois, os foceos fixéronse tan grandes amigos deste home que, primeiro, animounos a abandonar Xonia para se estableceren na zona dos seus dominios que preferisen; e logo, ao non conseguir persuadilos, cando se enterou por eles dos progresos do medo [os persas], deulles cartos para rodear a súa cidade cunha muralla. E deulles cartos a esgalla, xa que o perímetro da muralla mide non poucos estadios e toda ela está feita de bloques de pedra grandes e ben ensamblados (I. 163, 223-224) 

Tamén é Heródoto quen narra as aventuras de Coleo de Samos, o primeiro navegante grego que tería arribado ao litoral ibérico nalgún momento da Época Arcaica.  

  • Despois disto, unha nave samia, da que era comandante Colaios, en ruta cara a Exipto, foi arrastrada á illa de Platea. Os samios, informados por Corobio de todo o sucedido, deixáronlle víveres para un ano. Partindo logo da illa, botáronse ao mar desexando chegar a Exipto, pero foron arrastrados polo vento do leste. E como o vento non deixou de soprar, atravesaron as Columnas de Hércules e, baixo a guía dun deus, chegaron a Tarteso. Ese emporio estaba aínda sen explora... Os samios regresaron e sacaron das mercadorías as maiores ganancias que todos os gregos dos que teñamos coñecemento seguro, agás Sostratos fillo de Laodamante de Exina, pois ningún outro pode rivalizar con este. Os samios apartaron das súas ganancias a décima parte, 6 talentos, e fixeron construír con ela un xerro grande de bronce en forma de crátera argólida. (Aquí o episodio completo)

Bibliografía




No hay comentarios:

Publicar un comentario