Mostrando entradas con la etiqueta HISTORIA ANTIGA DO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta HISTORIA ANTIGA DO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA. Mostrar todas las entradas

martes, 26 de noviembre de 2019

sábado, 2 de noviembre de 2019

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (4) Pacto dos Zoelas (27 e 152 d.C.)



A Tábula de Astorga é un dos primeiros epígrafes sobre tábula de bronce atopados no NO. Neste documento recóllese un pacto de hospitalidade entre diferentes entidades sociais menores pertencentes ao populus ástur dos Zoelas, pobo indíxena situado na actual rexión portuguesa de Tras-os-Montes, entre Zamora e a cidade de Bragança.

Texto

  • No consulado de Marco Licinio Crasso e de Lucio Calpurnio Pisón, catro días antes das Calendas de maio [data consular: 27 d.C.], a gentilitas Desoncorum ex gente Zoelarum [a "gentilitas" dos Desoncos da "gens" dos Zoelas], e a gentilitas Tridiavorum, da mesma gens dos Zoelas renovaron un pacto de hospitalidade antiquísimo e recibíronse mutuamente en fidelidade e clientela e a dos seus fillos e descendentes. Asinaron Arausa Blecaeni, Turaio Clouti, Docio Elaesi, Magilo Clouti, Bodecio Burrali, Elaeso Clutami, por mediación de Abieno Pentili, maxistrado dos Zoelas. Feito en Curunda.
  • No consulado de Glabrión e de Homullo, cinco días antes de xullo [data consular: 152] a mesma gentilitas Desoncorum [dos Desoncos] e a gentilitas Tridiavorum [dos Tridiavos] recibiron na mesma clientela e nos mesmos pactos a Sempronio Perpetuo, Orniaco da gens Avolgigorum, a Antonio Arquio da gens Visaligorum e a Flavio Frontón da gens Cabruagenigorum, [tamén] Zoelas. Fixérono [o documento] Lucio Domitio Silón e Lucio Flavio Severo, en Astúrica.

Comentario da primeira parte

Nesta tábula, cuxo contido vén datado pola referencia consular, menciónase un tratado de hospitalidade con antecedentes moi antigos, e dado que o pacto renovado no documento pode datarse no ano 27 d.C., o tratado anterior que se menciona é con seguridade de tempos prerromanos.

O pacto en cuestión consiste en que dous grupos sociais se ofrecen fidelidade e hospitalidade mutua, pero tamén establecen un vínculo imposible de recíproca clientela, pois a clientela é unha relación desigual que esixe unha posición de dominio (a do patrón) e outra de submisión e dependencia (a do cliente). Con esta fórmula quereríase, quizais, enfatizar a forza dos vínculos e dos compromisos pactados.


En calquera caso, non deixa de resultar estraño que sexa preciso instaurar ou manter vínculos desta especie no seo dun mesmo populus indíxena, pois un individuo ou grupo non debería necesitar un pacto privado para sentirse cómodo e “en casa” no interior da súa propia comunidade política. O que traslumbran estes tratados, seguramente, é a inmadurez dos populi indíxenas en canto civitates, é dicir, en canto unidades político-territoriais autónomas de tipo romano, pois o único que os cohesiona nos primeiros tempos do Alto Imperio é a obediencia debida ás esixencias do Imperio á hora de actuar unitaria e solidariamente como unidades de tributación e de recrutamento de tropas (como vimos no Bronce de Bembibre)

Pero, que son a gens e a gentilitas?

A gens latina ou romana é un grupo de parentesco extenso equivalente a un clan: conxunto de persoas descendentes dun antepasado común, xeralmente mítico, pois se pretendía tan antigo e xeralmente supra-humano, que non se podería demostrar a súa antecedencia nin existencia real. As gentes, que preceden á fundación do Estado en Roma –a civitas romana-, mantíñanse unidos por compartiren un nomen gentilicum (nome xentilicio), o culto común aos seus antepasados e máis unha solidariedade que protexía aos membros e o patrimonio familiar dentro dos límites xentilicios. Posto que a gens adoita estar mellor representada historicamente por grandes estirpes aristocráticas, considéranse compoñente da mesma un máis ou menos nutrido círculo de clientes, homes libres vinculados aos seus patróns por lazos de lealdade e prestación de servizos varios. [Tras o xurdimento da República romana, estes clientes (persoas sen outro arraigo en Roma e, por tanto, desprovistas de propiedade fundiaria) pasarían a conformar a plebe (plebs “multitude) da cidade, sen por iso deixar de manter relacións clientelares cos seus vellos patróns (o patriciado romano)].
Os romanos tiñan conciencia de que a gens era unha estrutura eminentemente parental, polo que adoitaban empregar o mesmo termo para cualificar outras moitas organizacións sociais consideradas pre-políticas (anteriores á polis, a cidade-estado) ou nas que os vínculos de integración predominante entre os membros fosen de natureza xentilicia. Por esa razón podían empregar gens en sentido laxo para referir agrupacións étnicas, máis grandes ou máis pequenas, entendendo que en todo caso se compartía un vínculo xenealóxico ou orixe común. Neste sentido empregaba Pomponio Mela a expresión “celticae gentis” referida aos pobos celtas do litoral galaico, para resaltar a afinidade deste pobos cos Celtas en xeral.
Outros exemplos demostran un uso moito máis impreciso de gens, pois equivalía ao que na nosa lingua pode ser “pobo”,  “xénero”, “familia” ou “especie”. De aí que, no noso ámbito territorial, o termo gens servise tamén en epigrafía para identificar case calquera entidade indíxena, independentemente do nivel de integración que referise (grupo de parentesco, grupo socio-político, grupo étnico).
O caso máis evidente desta imprecisión terminolóxica preséntanolo este Pacto dos Zoelas, no que o termo gens cualifica tanto un nivel de populus (2º rango: gens Zoelarum) como subdivisións do mesmo (3º rango: gens Avolgigorum, Visaligorum e Cabruagenigorum); completándose o cadro coa Tábula Lougeiorum, onde tamén os Ástures en conxunto son denominados gens Asturum (1º rango).

Unha dificultade engadida á interpretación destes pactos, é a mención de gentilitates na primeira parte da tábula. Obviamente o termo “gentilitas” é un diminutivo de “gens”, pero posto que só se coñece o seu uso nun par de documentos epigráficos hispanos (algún outro exemplo en territorio vetón), non temos máis datos que nos permitan afondar algo máis no seu coñecemento. O que nos mostra a tábula zoela é que se sitúan ao mesmo nivel que as gentes de 3º rango, mantendo co populus ou gens Zoela a mesma relación de subordinación, polo que o máis probable é que se trate de realidades equivalentes.
Os asinantes do pacto, 6 en total, con fórmula bimembre tipicamente indíxena (nome de pía máis patronímico en xenitivo, indicando a filiación), que delata a súa condición peregrina no Imperio Romano, deben ser representantes de diferentes segmentos sociais implicados no pacto, en tanto que, como maxistrado que da fe do mesmo, figura un maxistrado zoela, tamén peregrino: Abieno Pentili “fillo de Pentilo”.
O lugar no que ten lugar o acto, Curunda, suponse que era a capital zoela, localizada comunmente no Castro de Avelaes (Bragança).

Comentario da segunda parte

Nesta parte intégranse no pacto das gentilitates 2 individuos tamén zoelas, pero pertencentes a outras gentes de 3º rango (Visaligos e Cabruagenigos), máis un 3º individuo doutro populus e doutra gens: dos Avolgigos do populus Orniaco. Dise que se integran “nos mesmos pactos e clientela”, o que suxire que van ser recibidos estes tres individuos coas súas familias nos colectivos cos que pactan, quizais a xeito de cidadáns de adopción, ou algo semellante. A nomenclatura dos participantes indican que aínda son peregrinos -non cidadáns romanos- a pesar de que o pacto se asina no ano 152 d.C. O acto ten lugar agora en Astúrica, a capital conventual dos ástures, quizais porque implica a elementos exteriores ao populus zoela e por iso se acode a unha autoridade de rango superior e neutral que ratifique o tratado.
Nesta ocasión, os maxistrados asturicenses xa exhiben os característicos trianomina latinos, a fórmula que inclúe un nome de pía romano, un nomen gentilicum ou xentilicio, máis un cognomen ou sobrenome. Só os cidadáns romanos tiñan dereito legal de empregar esta formulística, por tanto cabe pensar que estes maxistrados detiñan esta condición xurídica.
O resto dos individuos mencionados na 2ª parte da tábula mostra signos de latinización dos seus nomes, que marca un período transitorio entre o mundo indíxena e o romano, ao que todos os indíxenas tarde ou cedo acabaran asimilándose.

Fórmula indíxena
Nome de pía
Patronímico

Participante
Arausa
Fillo/filla? de Blecaeno

Participante
Turaio
Fillo de Cloutio

Maxistrado zoela
Abieno
Fillo de Pentilo

Trianomina latinos
Praenomen (nome de pía romano)
Nomen (nome de gens ou xentilicio)
Cognomen (sobrenome e posible agnomen ou nome honorífico)
Sobrenome (alcume persoal ou familiar)
Nome honorífico
Exemplo
Décimo
Xunio
Bruto
Galaicus
Maxistrados ástures, cidadáns romanos
Lucio
Flavio
Severo

Lucio
Domitio
Silón (cognomen da lingua indíxena)

Nomes latinizados, de peregrini en vías de romanización

Membro dos Avolgigos
-
Sempronio
Perpetuo (termo latino)

Membro dos Visaligos
-
Antonio
Arquio (nome indíxena)

Membro dos Cabruagenigos
-
Flavio
Frontón (nome indíxena)


Todos os grupos mencionados de 3ª rango, fosen gentes ou gentilitates, adoitan interpretarse como “grupos suprafamiliares” de tipo parental, o que querería dicir que os seus membros estarían relacionados por vínculos de descendencia. 
Algún nome destes, como por exemplo os Cabruagenigos, inclúen na súa propia formación unha referencia a esta común descendencia, como indicaría o elemento léxico *genigo/genico. [Tense proposto como significado deste xentilicio “pertencente ao clan da cabra”, cf.PRÓSPER 2008: 102]

Uns 100 km ao sur de Castro de Avelaes (localidade rica en epigrafía zoela), a suposta Curunda, apareceu un epígrafe votivo dedicado a Xúpiter Óptimo Máximo por parte dunha comunidade denominada Vicani Cabr[?]. Por vicani enténdese sen dificultade os habitantes dun vicus, unha aldea ou poboado. O nome do colectivo está incompleto, pero quixo verse nel unha mención dos Cabruagenigos do pacto zoela. En tal caso, ademais dun colectivo de tipo parental, tamén tería unha dimensión territorial. Aínda que, quizais estas gentes sempre foran “comunidades locais”, é dicir, simples aldeas ou poboados. Neste caso, comprenderíase que o vocabulario latino empregado no Pacto para referencialo fose un termo xenérico para calquera tipo de organización social non recoñecida politicamente polo Imperio, como son todas as entidades do 3º rango mencionadas ata o momento.
Cando esas comunidades ástures estean maduras dende o punto de vista do seu nivel de romanización, serán os Zoelas e os Orniacos en conxunto a base demográfica e social sobre a que se creen as civitates e máis tarde sexan promocionadas a municipios. Pero iso acontecerá ao longo do século II d.C., a diferentes ritmos en todo o NO ibérico.

Recapitulación

Os pactos de hospitalidade, patronato e clientela son un tipo de documentos epigráficos que, no ámbito noroccidental e durante o Alto Imperio, aparecen especialmente concentrados na zona máis conflitiva e resistente á conquista romana. Este territorio, que abrangue de norte a sur dende as serras orientais galegas e o Bierzo adxacente ata o Douro seguindo a Serra de Mogadouro, coincide tamén coa área mineira aurífera máis prolífica dos tempos romanos, o cal suscitaría o interese romano por seguir moi de preto a súa evolución e controlar estreitamente a súa reorganización política e territorial.
O interese destes documentos, entres os que debemos incluír tamén o Edicto do Bierzo, radica en que nos informan sobre os seguintes aspectos:


  •        As unidades sociais constitutivas da sociedade indíxena: as de 2º rango ou populi e máis as de 3º rango, ben castella ben gentilitates, todos coñecidos coas súas denominacións (étnicos e topónimos) indíxenas.
  •         Os procedementos de mediación (uso do patronato romano) para a pacificación e integración das comunidades indíxenas no mundo romano.
  •          O proceso de cohesión das comunidades locais ou xentilicias indíxenas para formar entidades políticas superiores, fundamento da conformación das civitates peregrinas de tipo romano
  •          A paseniña adaptación dos usos onomásticos indíxenas ao modelo romano (paso da simple latinización dos nomes ao emprego dos trianomina latinos), transparentando en cada caso o grao de romanización das comunidades indíxenas.
Área dos pactos e da riqueza aurífera
O caso Zoela serve especialmente para comprobar a existencia prerromana de mecanismos de alianza política entre as diferentes entidades sociais, fenómeno que non temos moi seguro que a terminoloxía latina traducise con fidelidade, dada a incoherencia que supón confundir a clientela cunha relación recíproca. Tamén nos serve para observar a estrutura da organización socio-política e territorial imposta por Roma ao se manifestar claramente a superposición sobre os niveis de integración suprafamiliar dos niveis superiores da civitas e do conventus.

Con todo, non podemos chegar a comprender en toda a súa dimensión en que consisten exactamente os pactos de hospitalidade, patronato e clientela que pactaron aqueles grupos e individuos, en parte debido a que todos aqueles poden combinarse nun pacto de todas as formas posibles e imaxinables.

Bibliografía

Olivares, J.C. "El dios Aernus y los Zoelas". En Iberia: Revista de la Antigüedad, Nº 5 (2002), pp.65-78
Prósper, B.: "Los nombres itálicos de los astures meridionales". En Conimbriga XLVII (2008), pp.95-119
Rodríguez Álvarez, P. Gens. Una forma de agrupación antigua mal conocida. Anejos de Veleia. Series Minor, 9. 1996

martes, 29 de octubre de 2019

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (0) 1. Xeografía antiga e etnonimia indíxena


Tras a conquista romana do Noroeste este sector presenta dúas regiones coñecidas como Gallaecia e Asturia, que consideramos de creación romana porque descoñecemos entidades étnicas desa magnitude en tempos prerromanos.
Pero se de Asturia e Gallaecia non temos noticia como entidades étnicas ou políticas indíxenas, non é o caso doutras entidades menores, que podemos rastrexar tanto a través dos seus propios etnónimos como a través do vocabulario político greco-romano empregado polos autores clásicos para referir as súas formas de organización socio-política. Nesta entrada presentaremos as fontes antigas que nolas dan a coñecer, e deixamos para outra entrada a análise daqueles termos e unha proposta para a súa interpretación.

A REGIO DE GALLAECIA

Non só non hai rastro destas regiones na documentación, senón que ademais é improbable que existisen entidades de tales proporcións, pois non había estrutura política (do tipo Estado ou Reino) capaz de aglutinar territorios tan extensos e con tanta poboación. De feito, a realidade indíxena era tan vaporosa a ollos romanos, que tiveron que conformar os seus propios “conxuntos étnicos” (Lusitanos, Celtíberos, Vetóns, Vacceos, Ástures, Galaicos, etc) para organizaren a Iberia. Por iso durante o proceso de ocupación romana de Hispania os Galaicos aparecerán confundidos cos Lusitanos, só distinguidos ao xeito duns “lusitanos do norte”, como nos mostran os seguintes parágrafos de Estrabón (xeógrafo grego do cambio de era):
  • Os últimos [da Lusitania] son os Callaicos que habitan unha grande parte da montaña. Por seren os máis difíciles de someter deron o seu nome ao que venceu aos Lusitanos. E por iso hoxe a meirande parte dos Lusitanos chámanse Callaicos (Estrabón III 3,2)
  • Os lusitanos lindaban co Océano ao norte e oeste,
     segundo Estrabón
  • Ao N. do Teixo está a Lusitania, o máis grande dos pobos ibéricos e a que foi combatida polos romanos moitísimo tempo. O Teixo limita o S. desta rexión; o Océano, o W e o N.; o L, os Carpetanos, Vettóns, Vacceos e Callaicos, pobos ben coñecidos. Os demáis pobos non é preciso mencionalos pola súa pequenez e pouca importancia. Contrariamente aos de agora, outros tamén lles chaman Lusitanos [quere dicir que, en tempos, aos galaicos tamén lles chamaban lusitanos]. Os Callaicos limitan polo L cos Ástures e os Celtíberos e os demais limitan só cos Celtíberos (Estrabón III 3,3)

Neste parágrafo insinúase, incluso, que os lusitanos lindaban ao norte co mar Cantábrico deixando aos Galaicos ao leste, ao seu tempo deixando ao leste aos Ástures, o que reflicte un burullo inexplicable se non se estivese intentando describir unha realidade xeográfica realmente descoñecida, pero en proceso de descubrimento.
Só despois da conquista do NO e a súa reorganización, comeza a definirse o que os romanos chamaron a Gallaecia, rexión xeográfica (non circunscrición administrativa), máis tarde dividida nos conventos lucense e bracarense.
No proceso de descubrimento do NO, o que si recoñecen os romanos sen necesidade de reinventar novas entidades, é a existencia de grupos humanos non moi extensos, que se distinguían os uns dos outros por un nome étnico, un etnónimo indíxena: os chamados en latín populi, literalmente “pobos”.

POPULI

Estes pobos, de nome comunmente indoeuropeo (lusitano-celta), non teñen correspondencia con ningunha circunscrición actual, abranguendo un territorio que se movería en tamaño entre un concello e unha comarca. Este nivel de organización indíxena (o máis grande polo que sabemos) coñecémolo baixo unha denominación grega: ethnos (de onde “etnia”) e dúas denominacións latinas, fundamentalmente: populus “pobo” e gens (de onde procede “xente”, “xentil”, “xentilicio”, etc.).

As primeiras noticias debémosllas a Estrabón:
  • Os Ártabros teñen moitas cidades [póleis] situadas nun golfo ao que os navegantes que o percorren lle chaman “Porto dos Ártabros”. Hoxe en día os Ártabros chámanse Arotrebas. Arredor de 30 pobos [éthne] habitan a rexión entre o Teixo e os Ártabros. Aínda que o país é rico en froitos e gando e pola cantidade de ouro, prata e outros metais, sen embargo, a meirande parte deles, deixando de vivir da terra viven do roubo e en guerra entre si mesmos e contra os viciños atravesando o Teixo ata que os Romanos acabaron con isto; suxeitándoos e transformando a meirande parte das súas cidades en aldeas e mesmo mellorando algunhas. Os da montaña, como é lóxico, foron os que comenzaron este tipo de vida anárquica... (Estrabón III 3, 5)
Neste parágrafo cítanse os Ártabros, populus do entorno das rías de Ferrol e da Coruña, e menciónanse outros 30 entre aqueles e o Teixo, que non se citan. A cualificación dos asentamentos ártabros como póleis seguramente non se fai en sentido técnico, pois a polis grega é unha cidade-estado (Esparta, Atenas, etc.), e este modelo non parece ser aquel ao que se acomoda a organización política dos castros galaicos.
Mela e Plinio transmítennos máis étnonimos indíxenas:
  • (9) logo (a costa) exténdese cun pequeno entrante, axiña sobresae un pouco, presentándose de novo, en liña recta ata o promontorio que chamamos Céltico. 
  • (10) Habítana toda os Célticos, pero dende o Douro ao entrante están os Grovios e corre a través deles o Avo, o Celado, o Nebio, o Minio e o Limia que ten o alcume de esquecemento. O mesmo entrante abranguendo a cidade [urbe] de Lambrica recibe os ríos Laero e Ulla. 
  • (11) Os Praesamarchos habitan a parte que sobresae e a través deles corren os ríos Tamaris e o Sars [Tambre e Sar] nacidos non lonxe; o Tamaris (desemboca) xunto ao porto de Ebora e o Sars onde a torre que lembra o nome de Augusto. Por outra parte, os super Tamaricos e os Nerios son os que viven máis alonxados naquela zona. Ata aquí, pois, pertencen as costas que miran cara Occidente.  
  • (12) Logo a terra en toda a súa extensión está orientada cara ao N., dende o promontorio Céltico ata o Pirineo. Hai un continuo litoral case recto ata os Cántabros, agás algúns suaves entrantes e pequenos cabos. 
  • (13) Nel están primeiro os Ártabros, aínda pobo celta, e logo os Ástures. Nos Ártabros (hai) un golfo de estreita embocadura, pero dun contorno amplo que acolle á cidade [urbe] de Adrobrica e recibe as desembocaduras de catro ríos: dous sen importancia aínda entre os indíxenas e polas outras desemboca o Duncanario e o Libyca. Na costa dos Ástures está a cidade [oppidum] de Noega e tres aras ás que chaman Sestianas están asentadas nunha península e están consagradas ao nome de Augusto e dan fama a terras antes ignoradas.
Vemos outra vez os Ártabros, tamén os Grovios e máis pobos célticos: Supertamaricos, Nerios e Praestamarcos. 
Todos os pobos e asentamentos do noroeste citados por Mela son litorais, porque á altura de mediados do século I d.C. son probablemente os mellor coñecidos. Plinio, que tería ocupado o cargo de procurador das minas en Asturia en torno ao ano 73 d.C., puido ter un coñecemento máis directo e pormenorizado da nosa xeografía, aínda que non se extende cos seus étnicos, por soaren “bárbaros” a oídos latinos:
Proposta de localización de populi indíxenas no NO (non definitiva)
  • A estes [os Cántabros] engádense 22 pobos dos Ástures, divididos en Augustanos e Transmontanos, con Astúrica, "urbe magnifica". Fronte a estes están os Gigurros, os Paesicos, os Lancienses e os Zoelas. O número de toda a poboación é de 240.000 persoas libres. O convento Lucense ten ademais dos Célticos e Lemavos 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 persoas libres. Do mesmo modo o [convento] Brácaro ten 24 cidades e 285.000 persoas dos que, ademais dos mesmos Brácaros poden nomearse sen fastío os Bíbalos, os Coelernos, os Callaicos, os Equaesos, os Límicos e os Querquernos. (Plinio, HN III 28)
Nesta noticia aséntase a sospeita de que os Gallaicos non eran máis que un populus indíxena, aquel que fora vencido por Bruto no 137 a.C. e que, pola súa grande sona, o seu étnico fora estendido ao resto da poboación da regio romana de Gallaecia.
Neste mesmo parágrafo Plinio emprega un censo de poboación, atribuído xeralmente ao xeneral Agripa, aquel a quen Augusto encomendaría a redución dos rebeldes das guerras ástur-cántabras, e quen tras o remate das guerras tería medido os novos territorios conquistados e efectuado o preceptivo reconto de poboación (suponse que as cifras inclúen todos os homes e mulleres libres [en latín: capita libera], susceptibles de tributaren; cf. Plinio HN III 118).
Aos pobos mencionados anteriormente, engádense os seguintes:
  • ... A rexión dos Astures, a cidade [oppidum] de Noega. Na península, os Paesicos e logo o convento Lucense dende o río Navia, cos Albións, Cibarcos, Egos, Varros de nome Namarinos, Adovos, Arronios e Arrotrebas, (Logo) o promontorio Céltico e os ríos Florio e Nelo. Os Célticos de sobrenome Nerios e os Super Tamaricos na península na que se adicaron a Augusto as tres aras Sestianas, os Coporos, a cidade [oppidum] de Noeta, os Célticos de sobrenome Praestamarcos, os Cilenos. Das illas deben nomearse Corticata e Aunios [Cortegada e Ons]
  • Despois dos Cilenos vén o convento Brácaro cos Hellenos, Grovios e o "castellum Tyde" [castro de Tui], todos descendentes dos Gregos. As illas Siccas [Cíes], a cidade [oppidum] de Abobrica. O río Minio con desembocadura de 4.000 pasos de ancho, os Lemavos, os Seurbos e Augusta, cidade dos Brácaros [Bracarum oppidum] e, enriba destes, está Gallaecia. O río Limia, o río Douro dos maiores de Hispania nacido entre os Pelendonios e que pasa xunto a Numancia, logo (pasa) a través dos Arévacos e Vacceos, quedando separados os Vettóns de Asturias e os Gallaicos de Lusitania, separando tamén os Túrdulos dos Brácaros. Esta rexión citada dende o Pirineo está chea de xacementos de ouro, prata, ferro, chumbo negro e branco. (Plinio HN IV 111-112)
Como pode verse a través destas citas, o vocabulario clásico está lonxe de transmitir claramente a realidade indíxena que traduce, pois a maioría dos termos empregados o son en sentido xenérico. Noutra entrada analizaremos ese vocabulario pra aclarar que podemos entender tras os numerosos e variados termos que se manexan naqueles antigos textos (polis, oppidum, urbs, castellum...)

sábado, 9 de diciembre de 2017

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (2) Tabula Lougeiorum, ano 1 d.C. e Tessera do Caurel, ano 28 d.C.


Unha tabula epigráfica de bronce en período romano adoita ser un documento xurídico e público, non portátil, senón pensado para o seu depósito e exhibición nun lugar fixo. A tessera, pola contra, adoita ser ese mesmo documento pero sobre soporte portátil. Sen embargo, a aplicación dese principio non parece ser todo o rigorosa que nos gustaría. Por esa razón, dous documentos formalmente tan semellantes entre si como a Tabula Lougeiorum e a Tessera do Caurel reciben cadansúa denominacións, aínda cando todo parece indicar que se trataba de documentos sobre o mesmo tipo de soporte, é dicir, sobre tabula.
Estas dúas táboas de bronce proceden da mesma zona, a Serra do Caurel, e non hai máis que 28 anos de diferenza cronolóxica entre elas. Calquera delas sitúanos nun tempo inmediatamente posterior ao remate das Guerras Cántabras do ano 19 a.C., e non moi lonxe tería aparecido o Bronce de Bembibre.
Ofrécense a continuación os seus textos traducidos seguidos dos seus respectivos comentarios históricos.

Tabula Lougeiorum (ano 1. d.c.)

Sendo cónsules Gaio César, fillo de Augusto, e Lucio Emilio Paulo, a Civitas Lougeiorum “cidade dos Lougeios”, do convento Ara Augusta da gens Asturum [xente dos Ástures], asinou un pacto de hospitalidade con Gaio Asinio Gallo, fillos e descendentes, escolléndoos como patronos. Pola súa parte, Gaio, os seus fillos e descendentes, reciben aos membros da civitas, fillos e descendentes, na súa fides e clientela. Fixérono os legados Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de Andamo.
RESUME: Unha civitas ástur do conventus Ara Augusta asina un pacto de hospitalidade cun cidadán romano, polo que este se converte en patrón da comunidade e esta asume o seu papel de cliente. O documento é asinado por dous representantes públicos (“legados”).
Tábula Lougeiorum

TERMOS TÉCNICOS e HISTÓRICOS: civitas, conventus, Ara Augusta, gens Asturum, Gaio Asinio Gallo (tria nomina), patrón, fides, clientela, Silvano Clouti (nome + patronímico)

COMENTARIO
Estamos en pleno ano primeiro da nosa era e en territorio ástur, o cal quere dicir que a guerra de conquista definitiva da comunidade mencionada neste epígrafe rematara había apenas 20 anos. De aí que moitos aspectos da realidade que reflicte este epígrafe posúan unha marcada aparencia indíxena.
A Civitas Lougeiorum é unha comunidade que se identifica nesta tábula por medio dun étnico, “os Lougeios". A falta de adecuación do mundo indíxena do noroeste aos esquemas políticos romanos facía que o vocabulario institucional latino non se axeitase demasiado ben a aquela realidade, de aí que se cualifique como civitas algo que seguramente aínda estaba lonxe de poder responder a esa definición.
Populi e civitates
A civitas era a comunidade organizada ao xeito da cidade romana, é dicir, cun centro urbano, co seu territorio de explotación, e provista das súas institucións políticas e de goberno: uns maxistrados, un senado, uns comicios ou asembleas cidadáns... Os comicios reunían ao populus romanus, o corpo cívico que actuaba politicamente cando se xuntaba en asemblea e participaba nas decisións de goberno (sempre controladas polos maxistrados e o senado). O populus, por tanto, era o corpo de cidadáns da Civitas Romana.
No Noroeste, rematadas as conquistas, os pobos indíxenas cualifícanse indistintamente como populi ou civitates nas fontes latinas, seguramente porque os conxuntos poboacionais identificados polos seus étnicos (Lougeios, Límicos, Tamaganos, Coporos, Celticos Supertamaricos, etc., etc.) van ser as unidades sociais mínimas para a reorganización política romana: a intención será, por tanto, organizar a civitas partindo de cada populus indíxena.

Tras a conquista, todas as poboacións sometidas pasaban a ser civitates peregrinas (estranxeiras, sen estatuto xurídico ou dereitos recoñecidos), tamén chamadas estipendiarias (sometidas ao pago de tributos e ao aprovisionamento das lexións con tropas auxiliares). Esta condición afectaba naqueles tempos a todas as comunidades indíxenas do noroeste, excepto quizais ás cidades de fundación augústea (ca. anos 15-13 a.C.) Astúrica, Lucus e Brácara Augusta, únicas urbes coñecidas neste ámbito naquel momento.
Esta situación non cambiaría substancialmente ata o último terzo do s. I d.C., cando o emperador Vespasiano, segundo Plinio o Vello (na súa Historia Natural), lle concedeu a toda Hispania o Ius Latii, o Dereito Latino. En virtude desta concesión, todas as cidades pasarían a organizarse segundo o modelo do municipio latino, o que supoñía concederlles case todos os privilexios da cidadanía romana aos seus habitantes (casar lexitimamente, facer transaccións económicas legais, exención do tributo peregrino...; non se incluía entre este dereitos a capacidade de facer carreira política ao nivel imperial ou provincial, para o que había que dispoñer da plena cidadanía romana. Esta só se lles outorgaba aos cidadáns que cumpriran cargos de responsabilidade nas súas respectivas civitates de dereito latino -logo de exerceren como duoviros (maxistrados das civitates) ou decurións (membros da curia ou senado local).
Pero no decurso entre a conquista e esta promoción xeral das civitates hispanas, estas van atravesar un proceso de adaptación ao modelo romano que pasa por diversas fases e emprega diferentes recursos políticos.
O primeiro que require unha civitas é un centro urbano, cousa que non temos no noroeste hispánico en tempos prerromanos. A medida que vamos avanzando no século I, vanse creando asentamentos diferentes dos castros, poboados abertos, en chaira, e provistos das mínimas infraestruturas necesarias para cumprir cos servizos administrativos que vai centralizar ese asentamento respecto do territorio da súa civitas. Así nacen os conglomerados secundarios estudados por Fermín Pérez Losada.
O que caracteriza estes conglomerados é, especialmente, a súa funcionalidade na rede xeral de asentamentos: son as sedes nas que se centraliza a organización cidadá para o recrutamento de tropas e a recadación de tributos. Ademais diso, son centros de culto imperial, de produción de manufacturas e de redistribución das mesmas, constituíndose por tanto como núcleos territoriais de dispensa de servizos e mercadorías.

Este tipo de núcleos han estar presentes nalgunha medida na organización administrativa e socio-política de tipo romano para facer viable a súa promoción xurídica ao estatuto de municipio.
Os conventus
Considerando a ausencia de urbes na Gallaecia e Asturia prerromanas, Roma necesitaba infraestruturas mínimas para centralizar a súa administración, e foi por iso polo que crearon os conventus (literalmente “lugares de reunión”) ou, mellor dito, os Conventus Iuridici. Tratábase de circunscricións territoriais dotadas dun centro urbano, que estaban sometidas á autoridade dun Legado Xurídico do emperador, que viña sendo o gobernador provincial. Supoñíase que este, nos seus labores de control e supervisión de toda a provincia, dispoñía destas sedes para reunirse esporadicamente cos pobos indíxenas para impoñer o culto imperial e impartir xustiza, axudándose dun corpo de funcionarios imperiais destinados a cada unha destas circunscricións para auxilialo nos labores de goberno e administración (sobre todo reforzar o culto imperial, organizar a recadación de tributos e a leva de soldados auxiliares).
Durante moito tempo pensouse que estes conventus, con sede en Lucus Augusti (de aí Convento Lucense), Bracara Augusta (Convento bracaraugustano) e Asturica Augusta (Convento Asturicense), serían creados na segunda metade do s. I d.C. (porque os cita Plinio, por exemplo -III, 4,28-, non así os escritores de época augústea), por iso é tan relevante a Tabula da Civitas Lougeiorum.



Neste documento cítase por vez primeira un conventus descoñecido ata ese momento: o conventus de Ara Augusta. A tabula refire que este conventus se sitúa entre a Gens Asturum. Con esta expresión faise referencia xenericamente ao pobo dos ástures, xustamente os que logo, nun momento indeterminado do s. I d.C., habían ser organizados no Conventus Asturicense.
Sobre a localización do conventus de Ara Augusta non é posible pronunciarse con seguridade, posto que non hai nada na tabula nin noutra documentación externa que nolo indique. Pero é importante sinalar que recibe unha denominación relativa ao culto imperial, pois unha Ara Augusta é un altar dedicado ao culto de Augusto. Sabemos por exemplos de organización conventual noutras provincias occidentais do Imperio que o culto imperial se empregaba como medio de integración dos pobos indíxenas en torno a ese culto obrigado e común, polo cal eses monumentos adoitaban erixirse en importantes centros políticos indíxenas prerromanos (caso da Ara Ubiorum na Xermania Inferior ou da Ara Lugdunensis na provincia do mesmo nome, na Galia).
A Tabula Lougeiorum sitúa, por tanto, a configuración dos primeiros conventos xurídicos do noroeste en época augústea (polo menos no ano 1 d.C.), o cal ten máis sentido que en época flavia, cando a súa creación había ser bastante menos urxente que inmediatamente despois de rematada a conquista.
Sobre os Pactos de Hospitalidade, Patronato e Clientela
Os Pactos de Hospitalidade eran acordos privados que na Antigüidade se facían entre particulares para ofrecerse mutua protección. A inseguridade na que se movían os viaxeiros que saían das súas comunidades facía necesarios e moi útiles estes pactos, pois provían aos estranxeiros de valedores e hospedaxe segura en comunidades alleas. Estes pactos son moi coñecidos entre gregos, romanos, e tamén entre os Celtíberos, dos que teñen aparecido numerosas téseras de hospitalidade redactadas en alfabeto ibérico e lingua celtibérica. Entres os Ástures, a Tésera de Astorga ou dos Zoelas do ano 27, na que se renova un pacto de hospitalidade “antiquísimo”, fai pensar que tamén eran empregados no noroeste en época prerromana.
Na tábula Lougeiorum a civitas fai un pacto de hospitalidade cun individuo con trianómina latinos, o que informa de que se trata dun cidadán romano. Hoxe sábese que Gaio Asinio Gallo era de feito un personaxe renomeado en Roma, da clase senatorial, e tamén que fora, había non moito tempo, gobernador da Tarraconense. 
Os pactos de hospitalidade eran en orixe acordos privados entre individuos do mesmo estatus, por iso parece difícil de comprender por que se aplica neste caso á relación entre un individuo e unha civitas enteira. Tanto máis canto que, de seguido, media entre as partes un tratado de patronato e clientela.
O patronato/clientela é a relación desigual que se establece entre un individuo de rango superior e outro de rango inferior, que asume unha posición de dependencia. Nestas relacións asimétricas tamén cabe unha clientela de carácter colectivo (un colexio profesional, unha civitas, etc.), pois do que se trata é de elixir un patrón que, pola súa riqueza e influencia política sexa quen de protexer ao(s) seu(s) cliente(s) que, a cambio, ofrecen servizos, honores e lealdade ao seu patrono.
Nestes pactos a lealdade exprésase e refórzase mediante a fórmula “in fidem recepit” (“recíbeos en fides”), onde a mención á fides (traducido por “boa fe”, ou máis comodamente como “fidelidade”), alude ao compromiso adquirido e selado mediante un xuramento, un acto protexido polos deuses que se poñen como testemuña do pacto (o propio Xúpiter).
O pacto dos Lougeios, ofrecéndose como cliente a un notable romano, responde con bastante fidelidade ao modelo clásico dos pactos de patronato/clientela, segundo os cales unha comunidade pretende a un personaxe importante para que os protexa e medie por ela fronte ás autoridades romanas. Neste sentido, a antigüidade da nosa tábula fai pensar tamén nunha estratexia romana que favorecese a rápida integración e pacificación dun populus recentemente conquistado ofrecéndolle un valedor ante as esixencias do Imperio.
A combinación nun mesmo pacto do hospitium e do patronatus dáse en moitos outros documentos desta época e características, e aínda noutros pactos nos que esa convivencia parecería ter pouco sentido. Tal é o caso da tésera do Caurel, cuxa análise pode axudar a comprender a verdadeira natureza destes pactos.

Tésera do Caurel (ano 28 d.C.)
Sendo cónsules Appio Iunio Silano e Publio Silio Nerva, Tillego fillo de Ambato, Susarro, do ᴐ Alobrigiaeco, fixo un pacto de hospitalidade cos Lougeios do Castellum Toletum, para si, a súa muller, fillos e descendentes. E aqueles recibírono a el e aos seus para sempre na súa fides e clientela. Fixérono o mesmo Tillego Ambati e os maxistrados Latino Ari e Aio Temari.
RESUME
Tésera do Caurel
Un individuo, do que se menciona a súa procedencia, asina un pacto de hospitalidade cos habitantes dun castellum que non é o seu, e estes acéptano en calidade de cliente. Asinan o pacto o individuo máis os representantes do castellum.
TERMOS TÉCNICOS E HISTÓRICOS: Susarro, ᴐ Alobrigiaeco, pacto de hospitalidade, Lougeios, Castellum Toletum, fides e clientela, Tillego Ambati [duonomina], maxistrados

COMENTARIO
Estamos no mesmo contexto histórico que o da Tabula Lougeiorum, pois só median 27 anos entre ambos os documentos. Sen embargo, neste último vemos implicadas realidades indíxenas diferentes e un sistema de relacións tamén distinto, ou máis concretamente xusto o inverso, pois aquí é un individuo o que entra en relación de clientela dunha comunidade patroa.
Tillego, un Susarro do ᴐ Alobrigiaeco é quen se fai cliente dunha comunidade enteira, os habitantes dun castro, pertencentes ao mesmo populus dos Lougeios que se fixo cliente do dignatario romano Asinio Gallo.
Fóra do contido do pacto que se establece entre estas partes, o interesante da Tábula do Caurel é que contén dúas expresións da orixe dos implicados que, pola diverxencia na fórmula empregada (castellum e ᴐ), fixo pensar durante moito tempo que se trataba de realidades distintas. E quizais o fosen, aínda que hoxe en día parece haber acordo en que o ᴐ é simple abreviación de “castellum” (ver aquí un comentario máis polo miúdo deste tema).
En todo caso, como interpretar a inversión da tendencia que supón unha comunidade exercendo de patroa dun individuo, un castro con respecto a Tilego? A resposta non parece simple.
Os casos nos que unha comunidade asinaba cun particular un pacto de hospitalidade era o que en Roma se chamaba un “hospitium publicum”, que consistía en que a comunidade concedía algo así como unha cidadanía honorífica ao suxeito co que conviña o tratado. Nese contexto o hospitium aseguraba ao individuo un trato preferente dentro da comunidade (aloxamento, coidados especiais, agasallos...), que asumía ese compromiso como responsabilidade pública.
O hospitium publicum non figura como fórmula xurídica nos pactos en cuestión, nos que só se distingue a soa mención do hospitium, de hospitium con patronato ou de hospitium con clientela, en función do rango do socio en cuestión: se era senatorial, como Asinio Gallo, a comunidade ofrecíalle o patronatus; e se era do rango dos equites (cabaleiros), como o prefecto militar da tábula de Castromao, daquela a comunidade ofrecíalle un hospitium; pero tamén vemos comunidades como o Castellum Toletum ofrecéndolle a un peregrinus o hospitium máis clientela, o que debía ser simplemente unha acollida na comunidade.
Tilego, un individuo de onomástica indíxena, dun castro dos Susarros, por tanto moi próximo ao castro Toledo do pobo dos Lougeios co que asina o pacto, é claramente un peregrinus que non sabemos que ten que ofrecer aos toletenses. En calquera caso, Tilego parece estar á altura da comunidade coa que pacta, que, a diferenza do habitual, tampouco é unha civitas, senón un simple castellum.
Todo o relativo ao documento do Caurel está imbuído dun forte indixenismo, que seguramente explica o uso destes tratados fóra da práctica xurídica romana, como simples medios de integración social e política con raíces na tradición céltica local. Indíxenas son tamén os legados dos populi e castella implicados, quen non disimulan o seu indixenismo a través das súas fórmulas onomásticas (simple nome de pía + patronímico): Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de Andamo da Civitas dos Lougeios, e Latino fillo de Aro e Aio fillo de Temaro, do castro Toledo, da mesma Civitas dos Lougeios.

Bibliografía
BELTRÁN LLORIS, F. (2013) “Hospitium publicum municipal en la Hispania Tarraconense”, en R. M. Cid y E. García (eds.), Debita verba. Estudios en homenaje al profesor Julio Mangas Manjarrés, Oviedo, pp.173-187
DOPICO CAÍNZOS, MªD. (1986) "Los conventus iuridici. Origen, cronología y naturaleza histórica", en Gerión 4 
RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1997) "La nueva tabula hospitalis de la Civitas Lougeiorum. Problemáticay contexto histórico", en Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik 117
SANTERO SANTURINO, J.Mª e RODRÍGUEZ NEILA, J.F. (1982) “Hospitium y Patronatus sobre una tabla de bronce de Cañete de las Torres (Córdoba)”, en Habis nº13