Unha tabula
epigráfica de bronce en período romano adoita ser un documento xurídico e
público, non portátil, senón pensado para o seu depósito e exhibición nun lugar
fixo. A tessera, pola contra, adoita ser ese mesmo documento pero sobre soporte
portátil. Sen embargo, a aplicación dese principio non parece ser todo o rigorosa que nos gustaría. Por esa
razón, dous documentos formalmente tan semellantes entre si como a Tabula
Lougeiorum e a Tessera do Caurel reciben cadansúa denominacións, aínda
cando todo parece indicar que se trataba de documentos sobre o mesmo tipo de
soporte, é dicir, sobre tabula.
Estas dúas
táboas de bronce proceden da mesma zona, a Serra do Caurel, e non hai máis que
28 anos de diferenza cronolóxica entre elas. Calquera delas sitúanos nun tempo
inmediatamente posterior ao remate das Guerras Cántabras do ano 19 a.C., e non
moi lonxe tería aparecido o Bronce de Bembibre.
Ofrécense a
continuación os seus textos traducidos seguidos dos seus respectivos
comentarios históricos.
Sendo cónsules Gaio César, fillo de Augusto, e Lucio Emilio Paulo, a Civitas Lougeiorum “cidade dos Lougeios”, do convento Ara Augusta da gens Asturum [xente dos Ástures], asinou un pacto de hospitalidade con Gaio Asinio Gallo, fillos e descendentes, escolléndoos como patronos. Pola súa parte, Gaio, os seus fillos e descendentes, reciben aos membros da civitas, fillos e descendentes, na súa fides e clientela. Fixérono os legados Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de Andamo.
RESUME: Unha
civitas ástur do conventus Ara Augusta asina un pacto de hospitalidade cun cidadán
romano, polo que este se converte en patrón da comunidade e esta asume o seu
papel de cliente. O documento é asinado por dous representantes públicos (“legados”).
![]() |
| Tábula Lougeiorum |
TERMOS
TÉCNICOS e HISTÓRICOS: civitas, conventus, Ara Augusta, gens Asturum, Gaio
Asinio Gallo (tria nomina), patrón, fides, clientela, Silvano Clouti (nome + patronímico)
COMENTARIO
Estamos en
pleno ano primeiro da nosa era e en territorio ástur, o cal quere dicir que
a guerra de conquista definitiva da comunidade mencionada neste epígrafe
rematara había apenas 20 anos. De aí que moitos aspectos da realidade que
reflicte este epígrafe posúan unha marcada aparencia indíxena.
A Civitas
Lougeiorum é unha comunidade que se identifica nesta tábula por medio dun
étnico, “os Lougeios". A falta de adecuación do mundo indíxena do noroeste aos
esquemas políticos romanos facía que o vocabulario institucional latino non se
axeitase demasiado ben a aquela realidade, de aí que se cualifique como civitas
algo que seguramente aínda estaba lonxe de poder responder a esa definición.
Populi e civitates
A civitas
era a comunidade organizada ao xeito da cidade romana, é dicir, cun centro
urbano, co seu territorio de explotación, e provista das súas institucións
políticas e de goberno: uns maxistrados, un senado, uns comicios ou asembleas
cidadáns... Os comicios reunían ao populus romanus, o corpo cívico que actuaba
politicamente cando se xuntaba en asemblea e participaba nas decisións de
goberno (sempre controladas polos maxistrados e o senado). O populus, por
tanto, era o corpo de cidadáns da Civitas Romana.
No Noroeste,
rematadas as conquistas, os pobos indíxenas cualifícanse indistintamente como populi ou civitates nas fontes latinas, seguramente porque os conxuntos
poboacionais identificados polos seus étnicos (Lougeios, Límicos, Tamaganos,
Coporos, Celticos Supertamaricos, etc., etc.) van ser as unidades sociais mínimas
para a reorganización política romana: a intención será, por tanto, organizar a
civitas partindo de cada populus indíxena.
Tras a conquista,
todas as poboacións sometidas pasaban a ser civitates peregrinas (estranxeiras,
sen estatuto xurídico ou dereitos recoñecidos), tamén chamadas estipendiarias (sometidas ao
pago de tributos e ao aprovisionamento das lexións con tropas auxiliares). Esta
condición afectaba naqueles tempos a todas as comunidades indíxenas do
noroeste, excepto quizais ás cidades de fundación augústea (ca. anos 15-13
a.C.) Astúrica, Lucus e Brácara Augusta, únicas urbes coñecidas neste ámbito
naquel momento.
Esta
situación non cambiaría substancialmente ata o último terzo do s. I d.C., cando
o emperador Vespasiano, segundo Plinio o Vello (na súa Historia Natural), lle
concedeu a toda Hispania o Ius Latii, o Dereito Latino. En virtude desta
concesión, todas as cidades pasarían a organizarse segundo o modelo do municipio latino, o que supoñía concederlles case todos os privilexios da
cidadanía romana aos seus habitantes (casar lexitimamente, facer transaccións
económicas legais, exención do tributo peregrino...; non se incluía entre este
dereitos a capacidade de facer carreira política ao nivel imperial ou provincial, para o que
había que dispoñer da plena cidadanía romana. Esta só se lles outorgaba aos
cidadáns que cumpriran cargos de responsabilidade nas súas respectivas
civitates de dereito latino -logo de exerceren como duoviros (maxistrados das civitates) ou decurións (membros da curia ou senado local).
Pero no
decurso entre a conquista e esta promoción xeral das civitates hispanas, estas
van atravesar un proceso de adaptación ao modelo romano que pasa por diversas
fases e emprega diferentes recursos políticos.
O primeiro
que require unha civitas é un centro urbano, cousa que non temos no noroeste
hispánico en tempos prerromanos. A medida que vamos avanzando no século I,
vanse creando asentamentos diferentes dos castros, poboados abertos, en chaira,
e provistos das mínimas infraestruturas necesarias para cumprir cos servizos
administrativos que vai centralizar ese asentamento respecto do territorio da
súa civitas. Así nacen os conglomerados secundarios estudados por Fermín Pérez
Losada.
O que caracteriza
estes conglomerados é, especialmente, a súa funcionalidade na rede xeral de
asentamentos: son as sedes nas que se centraliza a organización cidadá para o
recrutamento de tropas e a recadación de tributos. Ademais diso, son centros de culto imperial, de
produción de manufacturas e de redistribución das mesmas, constituíndose por
tanto como núcleos territoriais de dispensa de servizos e mercadorías.
Este tipo de
núcleos han estar presentes nalgunha medida na organización administrativa e
socio-política de tipo romano para facer viable a súa promoción xurídica ao
estatuto de municipio.
Os conventus
Considerando
a ausencia de urbes na Gallaecia e Asturia prerromanas, Roma necesitaba infraestruturas mínimas para centralizar a súa administración, e foi por iso polo
que crearon os conventus (literalmente “lugares de reunión”) ou, mellor dito,
os Conventus Iuridici. Tratábase de circunscricións territoriais dotadas dun
centro urbano, que estaban sometidas á autoridade dun Legado Xurídico do emperador, que viña sendo o gobernador provincial. Supoñíase que este, nos seus
labores de control e supervisión de toda a provincia, dispoñía destas sedes
para reunirse esporadicamente cos pobos indíxenas para impoñer o culto imperial
e impartir xustiza, axudándose dun corpo de funcionarios imperiais destinados a cada unha destas circunscricións para auxilialo nos labores de goberno e administración (sobre todo reforzar o culto imperial, organizar a recadación de tributos e a
leva de soldados auxiliares).
Durante
moito tempo pensouse que estes conventus, con sede en Lucus Augusti (de aí
Convento Lucense), Bracara Augusta (Convento bracaraugustano) e Asturica
Augusta (Convento Asturicense), serían creados na segunda metade do s. I d.C.
(porque os cita Plinio, por exemplo -III, 4,28-, non así os escritores de época
augústea), por iso é tan relevante a Tabula da Civitas Lougeiorum.
Neste
documento cítase por vez primeira un conventus descoñecido ata ese momento: o
conventus de Ara Augusta. A tabula refire que este conventus se sitúa entre a
Gens Asturum. Con esta expresión faise referencia xenericamente ao pobo dos ástures,
xustamente os que logo, nun momento indeterminado do s. I d.C., habían ser
organizados no Conventus Asturicense.
Sobre a
localización do conventus de Ara Augusta non é posible pronunciarse con
seguridade, posto que non hai nada na tabula nin noutra documentación externa que
nolo indique. Pero é importante sinalar que recibe unha denominación relativa
ao culto imperial, pois unha Ara Augusta é un altar dedicado ao culto de
Augusto. Sabemos por exemplos de organización conventual noutras provincias
occidentais do Imperio que o culto imperial se empregaba como medio de
integración dos pobos indíxenas en torno a ese culto obrigado e común, polo cal
eses monumentos adoitaban erixirse en importantes centros políticos indíxenas prerromanos
(caso da Ara Ubiorum na Xermania Inferior ou da Ara Lugdunensis na provincia do
mesmo nome, na Galia).
A Tabula
Lougeiorum sitúa, por tanto, a configuración dos primeiros conventos xurídicos
do noroeste en época augústea (polo menos no ano 1 d.C.), o cal ten máis sentido
que en época flavia, cando a súa creación había ser bastante menos urxente que
inmediatamente despois de rematada a conquista.
Sobre os Pactos de Hospitalidade, Patronato e Clientela
Os Pactos de
Hospitalidade eran acordos privados que na Antigüidade se facían entre
particulares para ofrecerse mutua protección. A inseguridade na que se movían
os viaxeiros que saían das súas comunidades facía necesarios e moi útiles estes
pactos, pois provían aos estranxeiros de valedores e hospedaxe segura en
comunidades alleas. Estes pactos son moi coñecidos entre gregos, romanos, e
tamén entre os Celtíberos, dos que teñen aparecido numerosas téseras de
hospitalidade redactadas en alfabeto ibérico e lingua celtibérica. Entres os
Ástures, a Tésera de Astorga ou dos Zoelas do ano 27, na que se renova un pacto
de hospitalidade “antiquísimo”, fai pensar que tamén eran empregados no
noroeste en época prerromana.
Na tábula
Lougeiorum a civitas fai un pacto de hospitalidade cun individuo con trianómina
latinos, o que informa de que se trata dun cidadán romano. Hoxe sábese que Gaio
Asinio Gallo era de feito un personaxe renomeado en Roma, da clase senatorial, e tamén que fora, había non moito tempo, gobernador da Tarraconense.
Os
pactos de hospitalidade eran en orixe acordos privados entre individuos do
mesmo estatus, por iso parece difícil de comprender por que se aplica neste caso á
relación entre un individuo e unha civitas enteira. Tanto máis canto que, de
seguido, media entre as partes un tratado de patronato e clientela.
O
patronato/clientela é a relación desigual que se establece entre un individuo
de rango superior e outro de rango inferior, que asume unha posición de
dependencia. Nestas relacións asimétricas tamén cabe unha clientela de carácter
colectivo (un colexio profesional, unha civitas, etc.), pois do que se trata é
de elixir un patrón que, pola súa riqueza e influencia política sexa quen de
protexer ao(s) seu(s) cliente(s) que, a cambio, ofrecen servizos, honores e
lealdade ao seu patrono.
Nestes
pactos a lealdade exprésase e refórzase mediante a fórmula “in fidem recepit” (“recíbeos
en fides”), onde a mención á fides (traducido por “boa fe”, ou máis comodamente
como “fidelidade”), alude ao compromiso adquirido e selado mediante un
xuramento, un acto protexido polos deuses que se poñen como testemuña do pacto
(o propio Xúpiter).
O pacto dos
Lougeios, ofrecéndose como cliente a un notable romano, responde con bastante
fidelidade ao modelo clásico dos pactos de patronato/clientela, segundo os
cales unha comunidade pretende a un personaxe importante para que os protexa e
medie por ela fronte ás autoridades romanas. Neste sentido, a antigüidade da
nosa tábula fai pensar tamén nunha estratexia romana que favorecese a rápida
integración e pacificación dun populus recentemente conquistado ofrecéndolle un
valedor ante as esixencias do Imperio.
A combinación nun mesmo pacto do hospitium e do patronatus dáse en moitos
outros documentos desta época e características, e aínda noutros pactos nos que
esa convivencia parecería ter pouco sentido. Tal é o caso da tésera do Caurel, cuxa
análise pode axudar a comprender a verdadeira natureza destes pactos.
Tésera do Caurel (ano 28 d.C.)
Sendo cónsules Appio Iunio Silano e Publio Silio Nerva, Tillego fillo de Ambato, Susarro, do ᴐ Alobrigiaeco, fixo un pacto de hospitalidade cos Lougeios do Castellum Toletum, para si, a súa muller, fillos e descendentes. E aqueles recibírono a el e aos seus para sempre na súa fides e clientela. Fixérono o mesmo Tillego Ambati e os maxistrados Latino Ari e Aio Temari.
Un
individuo, do que se menciona a súa procedencia, asina un pacto de
hospitalidade cos habitantes dun castellum
que non é o seu, e estes acéptano en calidade de cliente. Asinan o pacto o
individuo máis os representantes do castellum.
TERMOS
TÉCNICOS E HISTÓRICOS: Susarro, ᴐ Alobrigiaeco, pacto de
hospitalidade, Lougeios, Castellum Toletum, fides e clientela, Tillego Ambati
[duonomina], maxistrados
COMENTARIO
Estamos no
mesmo contexto histórico que o da Tabula Lougeiorum, pois só median 27 anos
entre ambos os documentos. Sen embargo, neste último vemos implicadas realidades
indíxenas diferentes e un sistema de relacións tamén distinto, ou máis
concretamente xusto o inverso, pois aquí é un individuo o que entra en relación
de clientela dunha comunidade patroa.
Tillego, un
Susarro do ᴐ Alobrigiaeco é quen se fai cliente dunha
comunidade enteira, os habitantes dun castro, pertencentes ao mesmo populus dos
Lougeios que se fixo cliente do dignatario romano Asinio Gallo.
Fóra do
contido do pacto que se establece entre estas partes, o interesante da Tábula do Caurel é que contén dúas expresións da orixe dos implicados que, pola
diverxencia na fórmula empregada (castellum e ᴐ), fixo pensar durante moito
tempo que se trataba de realidades distintas. E quizais o fosen, aínda que hoxe
en día parece haber acordo en que o ᴐ é simple abreviación de “castellum” (ver
aquí un comentario máis polo miúdo deste tema).
En todo
caso, como interpretar a inversión da tendencia que supón unha comunidade exercendo
de patroa dun individuo, un castro con respecto a Tilego? A resposta non parece
simple.
Os casos nos
que unha comunidade asinaba cun particular un pacto de hospitalidade era o que
en Roma se chamaba un “hospitium publicum”, que consistía en que a comunidade concedía
algo así como unha cidadanía honorífica ao suxeito co que conviña o tratado.
Nese contexto o hospitium aseguraba ao individuo un trato preferente dentro da
comunidade (aloxamento, coidados especiais, agasallos...), que asumía ese
compromiso como responsabilidade pública.
O hospitium
publicum non figura como fórmula xurídica nos pactos en cuestión, nos que só se
distingue a soa mención do hospitium, de hospitium con patronato ou de
hospitium con clientela, en función do rango do socio en cuestión: se era
senatorial, como Asinio Gallo, a comunidade ofrecíalle o patronatus; e se era do
rango dos equites (cabaleiros), como o prefecto militar da tábula de Castromao,
daquela a comunidade ofrecíalle un hospitium; pero tamén vemos comunidades como
o Castellum Toletum ofrecéndolle a un peregrinus o hospitium máis clientela, o
que debía ser simplemente unha acollida na comunidade.
Tilego, un
individuo de onomástica indíxena, dun castro dos Susarros, por tanto moi
próximo ao castro Toledo do pobo dos Lougeios co que asina o pacto, é
claramente un peregrinus que non sabemos que ten que ofrecer aos toletenses. En
calquera caso, Tilego parece estar á altura da comunidade coa que pacta, que, a
diferenza do habitual, tampouco é unha civitas, senón un simple castellum.
Todo o
relativo ao documento do Caurel está imbuído dun forte indixenismo, que
seguramente explica o uso destes tratados fóra da práctica xurídica romana,
como simples medios de integración social e política con raíces na tradición céltica
local. Indíxenas son tamén os legados dos populi e castella implicados, quen non disimulan o seu indixenismo a través das súas fórmulas onomásticas (simple nome de pía + patronímico): Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de
Andamo da Civitas dos Lougeios, e Latino fillo de Aro e Aio fillo de Temaro, do
castro Toledo, da mesma Civitas dos Lougeios.
Bibliografía
BELTRÁN LLORIS, F. (2013) “Hospitium publicum municipal en la Hispania Tarraconense”, en R. M. Cid y E. García (eds.), Debita verba. Estudios en homenaje al profesor Julio Mangas Manjarrés, Oviedo, pp.173-187
DOPICO CAÍNZOS, MªD. (1986) "Los conventus iuridici. Origen, cronología y naturaleza histórica", en Gerión 4
RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1997) "La nueva tabula hospitalis de la Civitas Lougeiorum. Problemáticay contexto histórico", en Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik 117
SANTERO SANTURINO, J.Mª e RODRÍGUEZ NEILA, J.F. (1982) “Hospitium y Patronatus sobre una tabla de bronce de Cañete de las Torres (Córdoba)”, en Habis nº13



No hay comentarios:
Publicar un comentario