sábado, 9 de diciembre de 2017

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (3) Os castella

O castro como forma de asentamento privilexiado ao longo de toda a Idade do Ferro vaise manter nos primeiros tempos da Romanización como unha modalidade máis das que van integrar a rede xeral de asentamentos, entre as urbes e os demais aglomerados secundarios e terciarios, abertos e construídos nas zonas baixas.

A continuidade do castro como hábitat corrente entre os galaicos e os ástures en época romana ten confirmación non soamente arqueolóxica, senón tamén na epigrafía das dúas rexións. De entrada, vémolos mencionados no primeiro documento epigráfico coñecido, que remonta ao contexto das guerras cántabras: o Bronce de Bembibre.
Neste, como xa vimos noutro apartado, menciónanse polo menos 2 castros, o que en terminoloxía latina se expresa como castellum: o castellum Paemeobriga e o Castellum Aliobrigaecino. Ambos os castella están adscritos a senllas comunidades superiores ou populi: os Susarros e os Gigurros, pobos situados en torno ás ribeiras do río Sil, entre Vadeorras (Ourense) e Bembibre (León).- Ver mapa-


O castellum
Unha das principais achegas deste documento para o coñecemento do pasado prerromano da rexión, é facer notar que un castellum podía ser unha entidade independente doutras de rango superior, pois na tábula se recoñece, entre outros privilexios, o dereito do castellum Paemeiobriga de conservar o seu territorio íntegro, como o tiña antes da conquista. Enténdese, por tanto, que o castro contaba co seu propio ager ou territorio de explotación.
Estela de Crecente, Lugo
A supervivencia dos castros como lugares de habitación habitual entre os Galaicos ao longo de todo o s. I d.C., maniféstase na proliferación na epigrafía funeraria das mencións a estes castella como os lugares de procedencia dos seus habitantes. Mais, esa procedencia podía tamén sinalarse epigraficamente mediante un signo en forma de “c invertido”, cuxo significado, non obstante, foi durante longo tempo debatido polos historiadores. Ese “c invertido”, que na epigrafía latina en xeral podía abreviar diferentes realidades (centuria, curia, censo, etc.), non se sabía a cal delas podía responder, ou cales serían as súas peculiaridades, pois parecía evidente que reflectía, non unha institución romana estándar, senón outra de carácter indíxena. Finalmente, considerando que ese "c invertido" adoita acompañar formas toponímicas (nomes de lugares moitos deles sinalados polo elemento céltico -bris/-briga, que expresa xustamente un poboado fortificado ou castro), deduciuse que ese “c” simplemente abreviaba o latino “castellum”.
O que tiñamos, por tanto, era a frecuente identificación dos indíxenas galaicos co seu propio castro para sinalar o seu lugar de procedencia, máis a referencia ao populus, a organización de rango superior que só se mencionaba na epigrafía cando o defunto morría fóra do seu pobo de orixe.
A estela de Crecente, un caso entre moitos, ilustra o uso destas expresións na identidade dunha muller galaica procedente da zona do Barbanza e enterrada non moi lonxe da cidade de Lugo: 
"Apana filla de Ambollo, do  Miobrigo, Celtica Supertamarica, de 25 anos, aquí xace. O seu irmán Apano...”

Ara atopada en Ponteceso, A Coruña
Tamén se constata a actuación dun castellum como oferente dunha ara en honor dun deus: a do  Castellum Aviliobris a I.O.M (Xúpiter Óptimo Máximo, o deus supremo do Estado Romano).- Foto adxunta
O populus
A mención do populus era frecuente en toda a Hispania Antiga entre os habitantes das comunidades indíxenas porque era sen dúbida a unidade étnica de referencia para aqueles antes da conquista, pero incluso tamén despois dela, pois os populi foron as entidades territoriais que serviron de fundamento para a formación das civitates peregrinas (máis tarde, municipios).

Pero se a mención do populus para referir a orixe era habitual nas Hispanias, non así a referencia ao castro, que a práctica epigráfica só reflicte no Noroeste. Durante longo tempo pensouse que ademais só identificaba aos habitantes da Gallaecia, pero novos achados epigráficos demostran que tamén os ástures sinalaban a súa procedencia mencionando o castellum ou o "c invertido" (aínda que nesa zona tamén se documentan as gentilitates, como as do Pacto dos Zoelas (Zamora-Tras os Montes), cuxa natureza non se considera territorial -ou castrexa-, senón xentilicia -relativa a un grande grupo de parentesco, do estilo dun clan ou algo semellante).

A datación de todos estes testemuños de castella e c invertidos epigráficos ao longo do s. I d. C. e a súa desaparición xustamente tras a fin deste século, interprétase como resultado da promoción xurídica de Vespasiano no último terzo deste século. Posto que a maduración dos vellos populi permitiría que xa estivesen en disposición de asumir o novo estatuto privilexiado (o Ius Latii), deixaría de ser pertinente a mención de entidades menores para a identificación dos individuos, que en adiante xa só empregarían como indicación de orixe a referencia á súa civitas:

Século I d.C. (individuo con nome indíxena, mención de castro e populus) Anceito fillo de Vacceo, do castro Talabriga, Límico.
Século II d.C. (individuo con trianómina latinos e mención de civitas): Lucio Sulpicio Rufino, Límico
 Evolución dos castella
Castro e aldea de Castromao
Superado o tránsito da organización indíxena á romana, o castro seguirá sendo lugar de asentamento habitual en moitos lugares, pero asumindo novas funcións e posicións moi diferentes na trama do poboamento. Algúns deles parece que puideron ser aproveitados como capitais de civitates, pois xa en tempos prerromanos puideron gozar dunha posición privilexiada na urda política e territorial. 
Así se interpreta o castro de Castromao (Celanova, Ourense), cuxa identificación coa Coeliobriga ptolemaica, suposta capital da civitas dos Coelernos, vén avalada pola aparición entre os seus restos castrexos dunha tábula de hospitalidade datada nos mediados do s. II d.C., na que se implica á mencionada civitas.
Castro de Viladonga, ocupado ata o s. IV d.C.
O castrexo foi un fenómeno habitacional difícil de superar incluso despois da Romanización, pois moitos teñen continuidade na paisaxe do noroeste en forma de aldeas galaico-romanas, que deixan de ser castros porque traspasan os límites das vellas murallas e xa non se fortifican, pero continúan o poboamento no mesmo espazo. Hai tamén casos senlleiros nos que os castros continuaron coa súa fisionomía tradicional ata a tardorromanidade (é ben coñecido o castro de Viladonga, Castro de Rei, Lugo), e tamén sabemos da reocupación de vellos castros nos tempos inseguros das invasións bárbaras, xa cun pé nos tempos medievais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario