A Tábula de Astorga é un dos primeiros
epígrafes sobre tábula de bronce atopados no NO. Neste documento recóllese un
pacto de hospitalidade entre diferentes entidades sociais menores pertencentes
ao populus ástur dos Zoelas, pobo indíxena situado na actual rexión portuguesa
de Tras-os-Montes, entre Zamora e a cidade de Bragança.
Texto
- No consulado de Marco Licinio Crasso e de Lucio
Calpurnio Pisón, catro días antes das Calendas de maio [data
consular: 27 d.C.], a gentilitas Desoncorum ex gente
Zoelarum [a "gentilitas" dos Desoncos da
"gens" dos Zoelas], e a gentilitas Tridiavorum,
da mesma gens dos Zoelas renovaron un pacto de
hospitalidade antiquísimo e recibíronse mutuamente en fidelidade
e clientela e a dos seus fillos e descendentes. Asinaron Arausa Blecaeni,
Turaio Clouti, Docio Elaesi, Magilo Clouti, Bodecio Burrali, Elaeso
Clutami, por mediación de Abieno Pentili, maxistrado dos Zoelas. Feito en
Curunda.
- No consulado de Glabrión e de Homullo, cinco días
antes de xullo [data consular: 152] a mesma gentilitas
Desoncorum [dos Desoncos] e a gentilitas
Tridiavorum [dos Tridiavos] recibiron na mesma clientela e nos
mesmos pactos a Sempronio Perpetuo, Orniaco da gens Avolgigorum,
a Antonio Arquio da gens Visaligorum e a Flavio Frontón
da gens Cabruagenigorum, [tamén] Zoelas. Fixérono [o
documento] Lucio Domitio Silón e Lucio Flavio Severo, en Astúrica.
Comentario da primeira parte
Nesta tábula, cuxo contido vén datado pola
referencia consular, menciónase un tratado de hospitalidade con antecedentes
moi antigos, e dado que o pacto renovado no documento pode datarse no ano 27
d.C., o tratado anterior que se menciona é con seguridade de tempos
prerromanos.
O pacto en cuestión consiste en que dous
grupos sociais se ofrecen fidelidade e hospitalidade mutua, pero tamén establecen
un vínculo imposible de recíproca clientela, pois a clientela é unha relación desigual
que esixe unha posición de dominio (a do patrón) e outra de submisión e
dependencia (a do cliente). Con esta fórmula quereríase, quizais, enfatizar a
forza dos vínculos e dos compromisos pactados.
En calquera caso, non deixa de resultar estraño
que sexa preciso instaurar ou manter vínculos desta especie no seo dun mesmo populus indíxena, pois un individuo ou
grupo non debería necesitar un pacto privado para sentirse cómodo e “en casa”
no interior da súa propia comunidade política. O que traslumbran estes
tratados, seguramente, é a inmadurez dos populi
indíxenas en canto civitates, é
dicir, en canto unidades político-territoriais autónomas de tipo romano, pois o
único que os cohesiona nos primeiros tempos do Alto Imperio é a obediencia
debida ás esixencias do Imperio á hora de actuar unitaria e solidariamente como
unidades de tributación e de recrutamento de tropas (como vimos no Bronce de Bembibre)
Pero, que son a gens e a gentilitas?
A gens
latina ou romana é un grupo de parentesco extenso equivalente a un clan: conxunto de persoas descendentes
dun antepasado común, xeralmente mítico, pois se pretendía tan antigo e
xeralmente supra-humano, que non se podería demostrar a súa antecedencia nin
existencia real. As gentes, que
preceden á fundación do Estado en Roma –a civitas
romana-, mantíñanse unidos por compartiren un nomen gentilicum (nome xentilicio), o culto común aos seus
antepasados e máis unha solidariedade que protexía aos membros e o patrimonio
familiar dentro dos límites xentilicios. Posto que a gens adoita estar mellor representada historicamente por grandes
estirpes aristocráticas, considéranse compoñente da mesma un máis ou menos
nutrido círculo de clientes, homes libres vinculados aos seus patróns por lazos
de lealdade e prestación de servizos varios. [Tras o xurdimento da República
romana, estes clientes (persoas sen outro arraigo en Roma e, por tanto,
desprovistas de propiedade fundiaria) pasarían a conformar a plebe (plebs “multitude)
da cidade, sen por iso deixar de manter relacións clientelares cos seus vellos
patróns (o patriciado romano)].
Os romanos tiñan conciencia de que a gens era unha estrutura eminentemente
parental, polo que adoitaban empregar o mesmo termo para cualificar outras
moitas organizacións sociais consideradas pre-políticas
(anteriores á polis, a cidade-estado)
ou nas que os vínculos de integración predominante entre os membros fosen de
natureza xentilicia. Por esa razón podían empregar gens en sentido laxo para referir agrupacións étnicas, máis grandes
ou máis pequenas, entendendo que en todo caso se compartía un vínculo
xenealóxico ou orixe común. Neste sentido empregaba Pomponio Mela a expresión “celticae gentis” referida aos pobos
celtas do litoral galaico, para resaltar a afinidade deste pobos cos Celtas en
xeral.
Outros exemplos demostran un uso moito
máis impreciso de gens, pois
equivalía ao que na nosa lingua pode ser “pobo”, “xénero”, “familia”
ou “especie”. De aí que, no noso ámbito territorial, o termo gens servise tamén en epigrafía para
identificar case calquera entidade indíxena, independentemente do nivel de
integración que referise (grupo de parentesco, grupo socio-político, grupo
étnico).
O caso máis evidente desta imprecisión
terminolóxica preséntanolo este Pacto dos Zoelas, no que o termo gens cualifica tanto un nivel de populus (2º rango: gens Zoelarum) como subdivisións do mesmo (3º rango: gens Avolgigorum, Visaligorum e Cabruagenigorum); completándose o cadro
coa Tábula Lougeiorum, onde tamén os
Ástures en conxunto son denominados gens
Asturum (1º rango).
Unha dificultade engadida á interpretación
destes pactos, é a mención de gentilitates
na primeira parte da tábula. Obviamente o termo “gentilitas” é un diminutivo de “gens”,
pero posto que só se coñece o seu uso nun par de documentos epigráficos hispanos
(algún outro exemplo en territorio vetón), non temos máis datos que nos permitan
afondar algo máis no seu coñecemento. O que nos mostra a tábula zoela é que se
sitúan ao mesmo nivel que as gentes de 3º rango, mantendo co populus ou gens Zoela a mesma relación de subordinación, polo que o máis
probable é que se trate de realidades equivalentes.
Os asinantes do pacto, 6 en total, con fórmula
bimembre tipicamente indíxena (nome de pía máis patronímico en xenitivo,
indicando a filiación), que delata a súa condición peregrina no Imperio Romano,
deben ser representantes de diferentes segmentos sociais implicados no pacto,
en tanto que, como maxistrado que da fe do mesmo, figura un maxistrado zoela,
tamén peregrino: Abieno Pentili “fillo de Pentilo”.
O lugar no que ten lugar o acto, Curunda,
suponse que era a capital zoela, localizada comunmente no Castro de Avelaes (Bragança).
Comentario da segunda parte
Nesta parte intégranse no pacto das gentilitates 2 individuos tamén zoelas, pero pertencentes a outras gentes de 3º rango (Visaligos e Cabruagenigos), máis un 3º individuo doutro populus e doutra gens: dos Avolgigos do populus Orniaco. Dise que se integran “nos mesmos pactos e clientela”, o que suxire que van ser recibidos estes tres individuos coas súas familias nos colectivos cos que pactan, quizais a xeito de cidadáns de adopción, ou algo semellante.
Nesta ocasión, os maxistrados asturicenses
xa exhiben os característicos trianomina latinos, a fórmula que inclúe un nome
de pía romano, un nomen gentilicum ou xentilicio, máis un cognomen ou
sobrenome. Só os cidadáns romanos tiñan dereito legal de empregar esta formulística,
por tanto cabe pensar que estes maxistrados detiñan esta condición xurídica.
O resto dos individuos mencionados na 2ª
parte da tábula mostra signos de latinización dos seus nomes, que marca un
período transitorio entre o mundo indíxena e o romano, ao que todos os
indíxenas tarde ou cedo acabaran asimilándose.
Fórmula indíxena
|
Nome
de pía
|
Patronímico
|
||
Participante
|
Arausa
|
Fillo/filla?
de Blecaeno
|
||
Participante
|
Turaio
|
Fillo
de Cloutio
|
||
Maxistrado zoela
|
Abieno
|
Fillo
de Pentilo
|
||
Trianomina latinos
|
Praenomen (nome de pía romano)
|
Nomen (nome de gens
ou xentilicio)
|
Cognomen (sobrenome e posible agnomen ou nome honorífico)
|
|
Sobrenome
(alcume persoal ou familiar)
|
Nome
honorífico
|
|||
Exemplo
|
Décimo
|
Xunio
|
Bruto
|
Galaicus
|
Maxistrados ástures, cidadáns romanos
|
Lucio
|
Flavio
|
Severo
|
|
Lucio
|
Domitio
|
Silón
(cognomen da lingua indíxena)
|
||
Nomes latinizados, de peregrini en vías de romanización
|
||||
Membro dos Avolgigos
|
-
|
Sempronio
|
Perpetuo
(termo latino)
|
|
Membro dos Visaligos
|
-
|
Antonio
|
Arquio
(nome indíxena)
|
|
Membro dos Cabruagenigos
|
-
|
Flavio
|
Frontón
(nome indíxena)
|
|
Todos os grupos mencionados de 3ª rango,
fosen gentes ou gentilitates, adoitan interpretarse como “grupos suprafamiliares”
de tipo parental, o que querería dicir que os seus membros estarían
relacionados por vínculos de descendencia.
Algún nome destes, como por exemplo os Cabruagenigos, inclúen na súa propia formación unha referencia a esta común descendencia, como indicaría o elemento léxico *genigo/genico. [Tense proposto como significado deste xentilicio “pertencente ao clan da cabra”, cf.PRÓSPER 2008: 102]
Algún nome destes, como por exemplo os Cabruagenigos, inclúen na súa propia formación unha referencia a esta común descendencia, como indicaría o elemento léxico *genigo/genico. [Tense proposto como significado deste xentilicio “pertencente ao clan da cabra”, cf.PRÓSPER 2008: 102]
Uns 100 km ao sur de Castro de Avelaes
(localidade rica en epigrafía zoela), a suposta Curunda, apareceu un epígrafe
votivo dedicado a Xúpiter Óptimo Máximo por parte dunha comunidade denominada Vicani Cabr[?]. Por vicani enténdese sen dificultade os habitantes dun vicus, unha aldea ou poboado. O nome do
colectivo está incompleto, pero quixo verse nel unha mención dos Cabruagenigos
do pacto zoela. En tal caso, ademais dun colectivo de tipo parental, tamén
tería unha dimensión territorial. Aínda que, quizais estas gentes sempre foran “comunidades
locais”, é dicir, simples aldeas ou poboados. Neste caso, comprenderíase que o
vocabulario latino empregado no Pacto para referencialo fose un termo xenérico
para calquera tipo de organización social non recoñecida politicamente polo
Imperio, como son todas as entidades do 3º rango mencionadas ata o momento.
Cando esas comunidades ástures estean
maduras dende o punto de vista do seu nivel de romanización, serán os Zoelas e
os Orniacos en conxunto a base demográfica e social sobre a que se creen as civitates e máis tarde sexan
promocionadas a municipios. Pero iso acontecerá ao longo do século II d.C., a diferentes
ritmos en todo o NO ibérico.
Recapitulación
Os pactos de hospitalidade, patronato e
clientela son un tipo de documentos epigráficos que, no ámbito noroccidental e
durante o Alto Imperio, aparecen especialmente concentrados na zona máis conflitiva
e resistente á conquista romana. Este territorio, que abrangue de norte a sur
dende as serras orientais galegas e o Bierzo adxacente ata o Douro seguindo a
Serra de Mogadouro, coincide tamén coa área mineira aurífera máis prolífica dos
tempos romanos, o cal suscitaría o interese romano por seguir moi de preto a
súa evolución e controlar estreitamente a súa reorganización política e
territorial.
O interese destes documentos, entres os
que debemos incluír tamén o Edicto do Bierzo, radica en que nos informan sobre
os seguintes aspectos:
- As
unidades sociais constitutivas da sociedade indíxena: as de 2º rango ou populi e máis as de 3º rango, ben castella ben gentilitates, todos coñecidos coas súas denominacións (étnicos e
topónimos) indíxenas.
- Os
procedementos de mediación (uso do patronato romano) para a pacificación e integración
das comunidades indíxenas no mundo romano.
- O
proceso de cohesión das comunidades locais ou xentilicias indíxenas para formar entidades
políticas superiores, fundamento da conformación das civitates peregrinas de tipo romano
- A paseniña adaptación dos usos onomásticos indíxenas ao modelo romano (paso da simple latinización dos nomes ao emprego dos trianomina latinos), transparentando en cada caso o grao de romanización das comunidades indíxenas.
![]() |
| Área dos pactos e da riqueza aurífera |
Con todo, non podemos chegar a comprender
en toda a súa dimensión en que consisten exactamente os pactos de
hospitalidade, patronato e clientela que pactaron aqueles grupos e individuos, en
parte debido a que todos aqueles poden combinarse nun pacto de todas as formas
posibles e imaxinables.
Bibliografía
Olivares, J.C. "El dios Aernus y
los Zoelas". En Iberia: Revista de la Antigüedad, Nº 5 (2002), pp.65-78
García Martínez, S.M. "El pacto delos Zoelae y su repercusión en el ordenamiento social y territorial de losAstures". Argutorio 27 (xuño 1999)
Prósper, B.: "Los nombres itálicos de
los astures meridionales". En Conimbriga XLVII (2008), pp.95-119
Rodríguez Álvarez, P. Gens. Una forma de
agrupación antigua mal conocida. Anejos de Veleia. Series Minor, 9. 1996



No hay comentarios:
Publicar un comentario