lunes, 28 de septiembre de 2015

Pautas para o Comentario de Textos e Mapas Históricos

COMENTARIO DE TEXTOS

Antes de comezar o comentario hai que asegurarse de comprender ben o texto, para o que se recomenda consultar todos os termos que descoñecemos. Logo pode ser útil subliñar as ideas principais para distinguir o importante do accesorio e establecer a orde de importancia dos asuntos a tratar no comentario.

  • Clasificación:
En primeiro lugar hai que identificar o tipo de documento para clasificalo (en función do seu contido, pode ser histórico, xeográfico, científico, filosófico, literario, didáctico, xurídico, administrativo, propagandístico, honorífico…, etc.) e, de seguido, falar do autor e da obra da que forma parte.
  • Resume:
Exposición breve do contido. Trátase de extraer as ideas principais e expresalas mediante unha expresión propia.
  • Análise:
Explicación do contido. É a ocasión para aclarar os termos, conceptos e situacións que nos permiten contextualizar o relato, identificando aos protagonistas, os momentos e os lugares da acción histórica da que se trata.
  • Comentario (propiamente dito):
Póñense os elementos analizados en relación cos contidos da materia, de maneira que integremos os elementos do texto no contexto histórico xeral no que se insire. Aquí debemos mostrar os nosos coñecementos xerais sobre o tema concreto que tratamos.
  • Síntese (conclusión):
- Como interpretar o texto en canto fonte histórica? Existe moita distancia temporal/espacial entre o autor e os feitos relatados –trátase dunha fonte primaria ou secundaria-? Relátanse feitos cribles ou non? Cal é a posición do autor respecto ao tema que trata? Trátase dun texto transcendente ou secundario?, etc., etc,.... - Se tes unha opinión persoal ao respecto, expona agora.

COMENTARIO DE MAPAS HISTÓRICOS
Os mapas históricos non son fontes históricas, senón instrumentos analíticos e/ou didácticos empregados polos historiadores para presentar fragmentos do coñecemento histórico de maneira sinóptica (nunha visión de conxunto). En función do seu contido, da natureza da información que transmiten, tamén se clasifican en mapas políticos, económicos, sociais, xeográficos, demográficos, culturais, lingüísticos, etc.
Para o comentario,
  • Clasificación tipolóxica do mapa
  • Resume:
Expresar en poucas palabras a situación histórica que representa.
  • Análise:
Considerar, relacionar e explicar os datos que contén: lendas (nomes, datas, signos convencionais, gráficos...), límites e/ou fronteiras, códigos de cores, etc
  • Comentario:
(=comentario de texto): Póñense os elementos analizados en relación cos contidos da materia, de maneira que integremos os elementos do texto no contexto histórico xeral no que se insire. Aquí debemos mostrar os nosos coñecementos xerais sobre o tema concreto que tratamos.
  • Opinión persoal:
Posto que os mapas históricos son, fundamentalmente, produtos da historiografía moderna (que crea os seus propios mapas ou reconstrúe outros da Antigüidade), podemos opinar, ben sobre a eficacia sinóptica/didáctica do mapa respecto dos contidos que quere transmitir, ben sobre a fidelidade do mapa reconstruído respecto dos datos dispoñibles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario