lunes, 30 de octubre de 2017

Epigrafía republicana de Hispania


Coméntanse 3 documentos sobre Hispania, rescatados en diferentes circunstancias e conservados polo seu soporte en táboa de bronce:

  • Bronce da Turris Lascutana
  • Deditio de Alcántara
  • Bronce de Áscoli

A través destes documentos podemos ter un coñecemento máis preciso acerca das fases da conquista romana e dos procedementos xurídicos que foron empregando para pacificar e asimilar ás poboacións indíxenas. 

Decreto da Turris Lascutana (Provincia Ulterior), 189 a.C.
Lucio Emilio, fillo de Lucio,  imperator, decretou que os escravos dos hastenses que habitaban na Turris Lascutana, fosen liberados e tamén ordenou que tivesen e posuísen o campo e a cidade [oppidum] que xa posuíran, mentres o quixesen o pobo e o senado romano. Outorgado no campamento [in castreis] o día 19 de xaneiro do ano 189 a.C.

Lucio Emilio Paulo, imperator (neste contexto: xeneral victorioso), decreta a manumisión dos habitantes da Turris Lascutana, ata ese momento escravos da cidade de Hasta (Mesas de Asta (?) en Jerez de la Frontera, Cádiz) 
O documento está datado en 189 a.C., inmediatamente despois da vitoria romana sobre Cartago na IIª Guerra Púnica e a súa expulsión de territorio peninsular. 
Documento sobre táboa de bronce

Enténdese que os romanos emprenden a reorganización territorial e administrativa de Hispania logo do seu reparto en Provincias (en Citerior e Ulterior, 197 a.C.), e que dentro desa reorganización se decide a liberación dos habitantes da Turris Lascutana (asentamento fortificado expresado por “turris”) respecto dos seus amos hastienses (cidadáns de Hasta Regia, outro oppidum turdetano). 
Torre medieval sobre o asentamento de Lascuta

É difícil saber que posición terían os lascutanos respecto aos hastienses, pois, se ben está clara a súa relación de dependencia expresada polo termo servi no texto, o que non se sabe é se serían escravos en canto grupo inferior dentro da xerarquía social de Hasta ou en canto comunidade sometida por dereito de conquista. Nin se pode saber se tal condición sería herdeira dunha situación indíxena ou directamente debedora das relacións de poder establecidas por Cartago.
Lugar do oppidum de Hasta Regia

En todo caso, parece claro que os lascutanos son liberados (liberi) polos romanos, e que se lles devolve a súa cidade fortificada (agora emprégase o termo oppidum) e o usufructo dos campos (agrum) que ata ese momento aproveitaran (liberi essent, agrum oppidumque /quod ea tempestate possedisent /item possidere habereque /iussit). 
Esta estratexia, de devolver aos pobos conquistados a posesión sobre as súas casas e terras é a propia da deditio in fidem, aquel tratado de rendición polo que a comunidade vencida se convertía en civitas peregrina (cidade estranxeira), que conservaba boa parte da súa autonomía a cambio do pago dun tributo (stipendium). Non en van, Lascuta vai figurar aínda na nómina de cidades tributarias (civitates stipendiariae) mencionadas por Plinio o Vello na súa obra Historia Natural (III 15), escrita moi posteriormente, no s. I d.C.

Bronce de Alcántara (Provincia Ulterior), 104 a.C.
<Datación> Consulado de Caio Mario e Caio Flavio.<Deditio> A Lucio Cesio, fillo de Caio, imperator, rendeuse o pobo dos Seano[...].
<Procedemento subseguinte> Lucio Cesio, fillo de Caio, imperator, despois de que o aceptou, preguntou ao consello o que consideraba axeitado esixirlles. 
<Decreto do gobernador> A partir do ditame do consello, esixiu os prisioneiros, os cabalos e as eguas que colleran. Entregárono todo. Despois Lucio Cesio, fillo de Caio, decidiu que quedaran como estaban os campos e as construcións; as leis e as demais cousas que tiveran ata o día da rendición devolvéullelas para que seguisen en uso mentres o pobo romano quixese. E en relación con este asunto ordenoulles aos legados que fosen [?]
Cren(?) e Arco, fillos de Cantono (actuaron como) representantes. 
Velaquí un documento excepcional no que se recolle unha deditio ou tratado de rendición incondicional dun pobo conquistado por Roma, non sabemos exactamente se lusitano ou vetón: os Seano[?]
Tabula da deditio de Alcántara

Trátase dunha táboa de bronce atopada nun castro próximo a Alcántara (Cáceres) e na marxe esquerda do Tajo, datado por data consular no ano 104 a.C
Este momento é moi posterior ao ano 137 a.C., cando se dan por conquistados os Lusitanos, o que quere dicir que aínda houbo resistencia indíxena ao sometemento efectivo, e que o proceso foi seguramente máis progresivo e lento do que parecía. 
Este documento, como se dixo, mostra a aplicación da deditioa fórmula xurídica de rendición incondicional mediante a cal unha comunidade era cominada a entregarse pacificamente antes de ser tomada polas armas, para logo quedar sometida á dominación romana. A decisión sobre o seu destino quedaba ao libre arbitrio de Roma ou do xeneral vencedor, podendo destruíla e vender aos seus habitantes como escravos (oppugnatio) ou restituírlles a súa autonomía a cambio de contrapartidas (entrega de desertores,  prisioneiros, reféns, armas, indemnizacións en cartos ou bens valiosos…) Estas comunidades (dediticii ou dediticias) quedaban polo xeral sometidas ao pago dun tributo anual. 
O exemplo de Alcántara insírese nesta última modalidade ou deditio in fidem, a fórmula de rendición incondicional de consecuencias máis tolerables para a poboación conquistada. 
Aquí o gobernador romano só lles esixe ao pobo dos Seano[...] devolverlles os prisioneiros e outros bens dos romanos retidos durante o conflito, e, a cambio, respéctase a integridade física e política da comunidade: o territorio, a autonomía e todo canto gozasen en período independente. Polo menos mentres que o pobo romano así o quixese, puntualización habitual nas deditiones romanas, afirmando así o dominio absoluto que Roma se atribuía sobre o destino dos conquistados.

(Bibliografía)

Bronce de Áscoli (Italia), ano 89 a.C.

Gneo Pompeio, fillo de Sexto, imperator, por decisión do Consello [de oficiais en campaña] e en virtude da Lei Xulia, proclamou cidadáns romanos aos xinetes hispanos polo seu valor. Formaban o Consello: Lucio Gelio, fillo de Lucio, da tribu Tromentina; Gneo Octavio, fillo de Quinto, (…); Marco Cecilio, fillo de (…); Sergio Sulpicio, fillo de Gaio, da tribu Aniense; Lucio Junio, fillo de Lucio, da tribu Galeria..., etc., etc." [continúa a nómina dos beneficiarios]
O cónsul Cn. Pompeio Estrabón (pai de Pompeio Magno), recrutou un escuadrón de cabalería en Hispania para combater aos sublevados itálicos da Guerra Social (91-88 a.C). Para recompensar os seus servizos (conquista da cidade de Asculum-Áscoli), concedeulles a cidadanía romana.
A concesión facíase en virtude da Lex Iulia de Civitate Latinis et Sociis danda (90 a.C.), a mesma pola que se promocionaba a todos os pobos itálicos (latinos e aliados) que durante a guerra quixeron ou ben recompensar, ou ben aplacar.


A lei recollía tamén a posibilidade de que os xenerais outorgasen este dereito e outras recompensas menores aos seus soldados a discreción, por méritos militares. O escuadrón recompensado no noso bronce denominábase Turma Saluitana, onde turma fai referencia ao continxente de 30 xinetes e saluitana á cidade do seu recrutamento, Saluie (nome indíxena da futura Caesaraugusta, Zaragoza).

Os nomes dos xinetes responden, maioritariamente, á súa procedencia ibera e vascona. Por este medio, todos eles adquirían a cidadanía romana, medio de promoción xurídica privilexiada fronte á maioría dos hispanos, aínda en fase de peregrini (condición de estranxeiros en dereito romano).


***

Os romanos conquistaron aos Hispanos, castigando aos rebeldes, recompensando aos leais e sendo incluso xenerosos cos menos resistente. Con esta estratexia foron asimilando e promocionando progresivamente a todas as comunidades hispanas, fenómeno que coñecemos como Romanización. Os bronces que acabamos de comentar reflicten os primeiros pasos dese prolongado proceso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario