domingo, 12 de noviembre de 2017

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (1) Edicto do Bierzo, ano 15 a.C.

A conquista romana do Noroeste supuxo a adaptación da realidade indíxena á nova situación política, na que Roma esixía a conversión dos vellos asentamentos do país en civitates, as cidades asimilables polo sistema municipal romano. Este proceso houbo de pasar por diferentes fases organizativas, que xa se foron ensaiando durante as Guerras Cántabras (29-19 a.C.), ata rematar a finais do s. I d.C., durante a dinastía Flavia.
O mencionado ensaio reflíctese no Edicto do Bierzo (ou tamén Bronce de Bembibre), onde se alude ao duplo nivel organizativo das comunidades indíxenas, que logo da súa conquista definitiva serían transformadas en civitates:

  • os castros (castella
  • os populi (aquí referidos xenericamente polo termo gens/gentis, co sentido de grupo humano en sentido amplo, xente).

Enténdese que, polo menos no Noroeste ibérico, varios castros ou castella formaban un mesmo populus, e que esta entidade sería a base poboacional para instaurar a civitas. Esta precisaría un núcleo urbano que servise como centro político e territorial da nova entidade xurisdicional de tipo romano, na que recadar os tributos e organizar a leva de soldados destinados aos corpos auxiliares da lexión.
Mostra deste proceso de axuste e reorganización das comunidades indíxenas con miras a estes fins, vese, como se dixo, no Edicto de Bierzo datado no ano 15 a.C.:

O emperador César Augusto, fillo do divino, na súa novena potestade tribunicia e como procónsul di:
Souben por todos os meus legados que estiveron á fronte da provincia Transduriana que os castellani Paemeiobrigenses da gens dos Susarros permaneceron leais mentres os demais facían defección. Por iso outórgolles a todos a inmunidade perpetua. E aqueles campos, cos límites cos que os posuíron cando o meu legado Lucio Sestio Quirinal administraba esa provincia, ordeno que posúan eses campos sen litixio [continúa]
Este primeiro parágrafo menciona por primeira vez e única coñecida a provincia Transduriana, unha xurisdición sometida ao mando dun gobernador situada ao norte do Douro, que abranguería os territorios ástur-galaicos aínda rebeldes durante as Guerras Cántabras. Trataríase dunha provincia transitoria posiblemente creada con fins estratéxicos durante as guerras, que pode situarse polas mesmas datas (entre 22-19 a.C.) nas que se sitúa nesta rexión o goberno do legado de Augusto mencionado no texto, Lucio Sestio Quirinal (e a quen se atribúen as Aras Sestianas, monumento erixido en honor do Princeps e situado nalgún lugar da fisterra occidental para conmemorar a conquista de todos estes territorios ata o Océano).


Pero, segundo suxire o texto, teríase producido algún levantamento contra o poder imperial entre este ano 22 e o 15, cando se data o edicto, posto que un poboado é recompensado pola súa lealdade, fronte ao resto dos poboados da mesma gens, que terían cometido defección:

Os Castellani Paemeobrigenses, é dicir, os castrexos do castro Paemeobrigo, da gens ou populus dos Susarros, mantivéronse fieis a Roma e por iso outorgóuselles a inmunidade perpetúa, é dicir, a exención permanente de tributos. Ao mesmo tempo, concedéuselles o mantemento da integridade do seu territorio de explotación anterior ás revoltas, e “sen litixio”, o que querería dicir que as autoridades imperiais non lles poderían expropiar terras con calquera escusa.
E continúa o texto:
En vez dos castellani Paemeiobrigensis da gens dos Susarros, aos que antes outorguei a inmunidade sobre todos os seus bens, no seu lugar, restitúo aos castellani Aliobrigiaecini da gens dos Gigurros, a petición da propia civitas [dos Susarros]. E ordeno que estes castellani Aliobrigiaecini contribúan en todas as súas obrigas conxuntamente cos Susarros.
Dado en Narbo Martius [Narbona] o 16 e 15 das calendas de marzo, sendo cónsules Marco Druso Libón e Lucio Calpurnio Pisón [ano 15 a.C.]
Polo que deixa entrever esta segunda parte do Edicto, como o conxunto do populus Susarro perde parte da súa capacidade contributiva ao excluírse da cota aos castellani Paemeiobrigenses, os mesmos Susarros solicitan a Augusto poder sumar a un novo castro, o Castellum Aliobrigiaecino, que, sen embargo, pertence nese momento a outro populus: o dos Gigurros
O emprego do verbo "restitúo" referido a estes castrexos Aliobrigiaecinos, suxire que Augusto os está volvendo a unha situación anterior, previa a unha intervención cuxos termos concretos descoñecemos. En calquera caso, outro documento datado no ano 28 d.C., a chamada Tábula ou Tésera do Caurel, confirma que os Aliobrigiaecinos continúan á aquela altura formando parte do pobo susarro. Susarros e Gigurros debían ser, loxicamente, populi veciños, situados ambos os dous en territorio máis tarde integrado no convento asturicense.

Conclusión

En definitiva, se o comportamento dos pobos conquistados durante a guerra dá lugar a tratamentos diversos por parte de Roma tras a conquista, concedendo diferentes tipos de deditio (tratado de rendición que pode ir dende a absoluta destrución da comunidade ata o seu respecto ou incluso a concesión de determinados privilexios), tamén produce profundas modificacións na trama política, social e poboacional do mundo indíxena propia do período independente. O transvase de parte dos Gigurros a xurisdición dos Susarros, pode ser magnífico exemplo dese fenómeno.

Este documento fixo tamén reconsiderar a famosa tripartición augústea de Hispania do ano 27 a.C., que agora se considera demasiado precoz. Dado que Augusto visita Hispania entre 15-13 a.C., e aproveita neses anos para facer todo tipo de reorganizacións e intervencións (como tamén a fundación das tres cidades augústeas do Noroeste: Lucus, Asturica e Bracara), tamén se sospeita que non sería ata estas datas cando se elimina a Transduriana, se escinde a Ulterior en Bética e Lusitania e se integra, por fin, todo o territorio transduriano e de xeito definitivo na Provincia Citerior Tarraconense.


No hay comentarios:

Publicar un comentario