martes, 29 de octubre de 2019

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (0) 1. Xeografía antiga e etnonimia indíxena


Tras a conquista romana do Noroeste este sector presenta dúas regiones coñecidas como Gallaecia e Asturia, que consideramos de creación romana porque descoñecemos entidades étnicas desa magnitude en tempos prerromanos.
Pero se de Asturia e Gallaecia non temos noticia como entidades étnicas ou políticas indíxenas, non é o caso doutras entidades menores, que podemos rastrexar tanto a través dos seus propios etnónimos como a través do vocabulario político greco-romano empregado polos autores clásicos para referir as súas formas de organización socio-política. Nesta entrada presentaremos as fontes antigas que nolas dan a coñecer, e deixamos para outra entrada a análise daqueles termos e unha proposta para a súa interpretación.

A REGIO DE GALLAECIA

Non só non hai rastro destas regiones na documentación, senón que ademais é improbable que existisen entidades de tales proporcións, pois non había estrutura política (do tipo Estado ou Reino) capaz de aglutinar territorios tan extensos e con tanta poboación. De feito, a realidade indíxena era tan vaporosa a ollos romanos, que tiveron que conformar os seus propios “conxuntos étnicos” (Lusitanos, Celtíberos, Vetóns, Vacceos, Ástures, Galaicos, etc) para organizaren a Iberia. Por iso durante o proceso de ocupación romana de Hispania os Galaicos aparecerán confundidos cos Lusitanos, só distinguidos ao xeito duns “lusitanos do norte”, como nos mostran os seguintes parágrafos de Estrabón (xeógrafo grego do cambio de era):
  • Os últimos [da Lusitania] son os Callaicos que habitan unha grande parte da montaña. Por seren os máis difíciles de someter deron o seu nome ao que venceu aos Lusitanos. E por iso hoxe a meirande parte dos Lusitanos chámanse Callaicos (Estrabón III 3,2)
  • Os lusitanos lindaban co Océano ao norte e oeste,
     segundo Estrabón
  • Ao N. do Teixo está a Lusitania, o máis grande dos pobos ibéricos e a que foi combatida polos romanos moitísimo tempo. O Teixo limita o S. desta rexión; o Océano, o W e o N.; o L, os Carpetanos, Vettóns, Vacceos e Callaicos, pobos ben coñecidos. Os demáis pobos non é preciso mencionalos pola súa pequenez e pouca importancia. Contrariamente aos de agora, outros tamén lles chaman Lusitanos [quere dicir que, en tempos, aos galaicos tamén lles chamaban lusitanos]. Os Callaicos limitan polo L cos Ástures e os Celtíberos e os demais limitan só cos Celtíberos (Estrabón III 3,3)

Neste parágrafo insinúase, incluso, que os lusitanos lindaban ao norte co mar Cantábrico deixando aos Galaicos ao leste, ao seu tempo deixando ao leste aos Ástures, o que reflicte un burullo inexplicable se non se estivese intentando describir unha realidade xeográfica realmente descoñecida, pero en proceso de descubrimento.
Só despois da conquista do NO e a súa reorganización, comeza a definirse o que os romanos chamaron a Gallaecia, rexión xeográfica (non circunscrición administrativa), máis tarde dividida nos conventos lucense e bracarense.
No proceso de descubrimento do NO, o que si recoñecen os romanos sen necesidade de reinventar novas entidades, é a existencia de grupos humanos non moi extensos, que se distinguían os uns dos outros por un nome étnico, un etnónimo indíxena: os chamados en latín populi, literalmente “pobos”.

POPULI

Estes pobos, de nome comunmente indoeuropeo (lusitano-celta), non teñen correspondencia con ningunha circunscrición actual, abranguendo un territorio que se movería en tamaño entre un concello e unha comarca. Este nivel de organización indíxena (o máis grande polo que sabemos) coñecémolo baixo unha denominación grega: ethnos (de onde “etnia”) e dúas denominacións latinas, fundamentalmente: populus “pobo” e gens (de onde procede “xente”, “xentil”, “xentilicio”, etc.).

As primeiras noticias debémosllas a Estrabón:
  • Os Ártabros teñen moitas cidades [póleis] situadas nun golfo ao que os navegantes que o percorren lle chaman “Porto dos Ártabros”. Hoxe en día os Ártabros chámanse Arotrebas. Arredor de 30 pobos [éthne] habitan a rexión entre o Teixo e os Ártabros. Aínda que o país é rico en froitos e gando e pola cantidade de ouro, prata e outros metais, sen embargo, a meirande parte deles, deixando de vivir da terra viven do roubo e en guerra entre si mesmos e contra os viciños atravesando o Teixo ata que os Romanos acabaron con isto; suxeitándoos e transformando a meirande parte das súas cidades en aldeas e mesmo mellorando algunhas. Os da montaña, como é lóxico, foron os que comenzaron este tipo de vida anárquica... (Estrabón III 3, 5)
Neste parágrafo cítanse os Ártabros, populus do entorno das rías de Ferrol e da Coruña, e menciónanse outros 30 entre aqueles e o Teixo, que non se citan. A cualificación dos asentamentos ártabros como póleis seguramente non se fai en sentido técnico, pois a polis grega é unha cidade-estado (Esparta, Atenas, etc.), e este modelo non parece ser aquel ao que se acomoda a organización política dos castros galaicos.
Mela e Plinio transmítennos máis étnonimos indíxenas:
  • (9) logo (a costa) exténdese cun pequeno entrante, axiña sobresae un pouco, presentándose de novo, en liña recta ata o promontorio que chamamos Céltico. 
  • (10) Habítana toda os Célticos, pero dende o Douro ao entrante están os Grovios e corre a través deles o Avo, o Celado, o Nebio, o Minio e o Limia que ten o alcume de esquecemento. O mesmo entrante abranguendo a cidade [urbe] de Lambrica recibe os ríos Laero e Ulla. 
  • (11) Os Praesamarchos habitan a parte que sobresae e a través deles corren os ríos Tamaris e o Sars [Tambre e Sar] nacidos non lonxe; o Tamaris (desemboca) xunto ao porto de Ebora e o Sars onde a torre que lembra o nome de Augusto. Por outra parte, os super Tamaricos e os Nerios son os que viven máis alonxados naquela zona. Ata aquí, pois, pertencen as costas que miran cara Occidente.  
  • (12) Logo a terra en toda a súa extensión está orientada cara ao N., dende o promontorio Céltico ata o Pirineo. Hai un continuo litoral case recto ata os Cántabros, agás algúns suaves entrantes e pequenos cabos. 
  • (13) Nel están primeiro os Ártabros, aínda pobo celta, e logo os Ástures. Nos Ártabros (hai) un golfo de estreita embocadura, pero dun contorno amplo que acolle á cidade [urbe] de Adrobrica e recibe as desembocaduras de catro ríos: dous sen importancia aínda entre os indíxenas e polas outras desemboca o Duncanario e o Libyca. Na costa dos Ástures está a cidade [oppidum] de Noega e tres aras ás que chaman Sestianas están asentadas nunha península e están consagradas ao nome de Augusto e dan fama a terras antes ignoradas.
Vemos outra vez os Ártabros, tamén os Grovios e máis pobos célticos: Supertamaricos, Nerios e Praestamarcos. 
Todos os pobos e asentamentos do noroeste citados por Mela son litorais, porque á altura de mediados do século I d.C. son probablemente os mellor coñecidos. Plinio, que tería ocupado o cargo de procurador das minas en Asturia en torno ao ano 73 d.C., puido ter un coñecemento máis directo e pormenorizado da nosa xeografía, aínda que non se extende cos seus étnicos, por soaren “bárbaros” a oídos latinos:
Proposta de localización de populi indíxenas no NO (non definitiva)
  • A estes [os Cántabros] engádense 22 pobos dos Ástures, divididos en Augustanos e Transmontanos, con Astúrica, "urbe magnifica". Fronte a estes están os Gigurros, os Paesicos, os Lancienses e os Zoelas. O número de toda a poboación é de 240.000 persoas libres. O convento Lucense ten ademais dos Célticos e Lemavos 16 pobos de nome descoñecido e bárbaro, pero ten case 166.000 persoas libres. Do mesmo modo o [convento] Brácaro ten 24 cidades e 285.000 persoas dos que, ademais dos mesmos Brácaros poden nomearse sen fastío os Bíbalos, os Coelernos, os Callaicos, os Equaesos, os Límicos e os Querquernos. (Plinio, HN III 28)
Nesta noticia aséntase a sospeita de que os Gallaicos non eran máis que un populus indíxena, aquel que fora vencido por Bruto no 137 a.C. e que, pola súa grande sona, o seu étnico fora estendido ao resto da poboación da regio romana de Gallaecia.
Neste mesmo parágrafo Plinio emprega un censo de poboación, atribuído xeralmente ao xeneral Agripa, aquel a quen Augusto encomendaría a redución dos rebeldes das guerras ástur-cántabras, e quen tras o remate das guerras tería medido os novos territorios conquistados e efectuado o preceptivo reconto de poboación (suponse que as cifras inclúen todos os homes e mulleres libres [en latín: capita libera], susceptibles de tributaren; cf. Plinio HN III 118).
Aos pobos mencionados anteriormente, engádense os seguintes:
  • ... A rexión dos Astures, a cidade [oppidum] de Noega. Na península, os Paesicos e logo o convento Lucense dende o río Navia, cos Albións, Cibarcos, Egos, Varros de nome Namarinos, Adovos, Arronios e Arrotrebas, (Logo) o promontorio Céltico e os ríos Florio e Nelo. Os Célticos de sobrenome Nerios e os Super Tamaricos na península na que se adicaron a Augusto as tres aras Sestianas, os Coporos, a cidade [oppidum] de Noeta, os Célticos de sobrenome Praestamarcos, os Cilenos. Das illas deben nomearse Corticata e Aunios [Cortegada e Ons]
  • Despois dos Cilenos vén o convento Brácaro cos Hellenos, Grovios e o "castellum Tyde" [castro de Tui], todos descendentes dos Gregos. As illas Siccas [Cíes], a cidade [oppidum] de Abobrica. O río Minio con desembocadura de 4.000 pasos de ancho, os Lemavos, os Seurbos e Augusta, cidade dos Brácaros [Bracarum oppidum] e, enriba destes, está Gallaecia. O río Limia, o río Douro dos maiores de Hispania nacido entre os Pelendonios e que pasa xunto a Numancia, logo (pasa) a través dos Arévacos e Vacceos, quedando separados os Vettóns de Asturias e os Gallaicos de Lusitania, separando tamén os Túrdulos dos Brácaros. Esta rexión citada dende o Pirineo está chea de xacementos de ouro, prata, ferro, chumbo negro e branco. (Plinio HN IV 111-112)
Como pode verse a través destas citas, o vocabulario clásico está lonxe de transmitir claramente a realidade indíxena que traduce, pois a maioría dos termos empregados o son en sentido xenérico. Noutra entrada analizaremos ese vocabulario pra aclarar que podemos entender tras os numerosos e variados termos que se manexan naqueles antigos textos (polis, oppidum, urbs, castellum...)

martes, 24 de septiembre de 2019

Recursos cartográficos

A páxina web GCiencia. O Portal da Ciencia Galega, dá a coñecer unha nova aplicación de descarga de mapas e ficheiros xeorreferenciados de Galicia en diferentes formatos. 
Plataforma para a descarga: http://mapas.xunta.gal/portada


lunes, 15 de octubre de 2018

HAPI. Comentario de texto Gadir


TEXTO A COMENTAR

Preto do litoral que acabamos de costear, no ángulo da Bética, encóntrase moitas illas pouco coñecidas e ata sen nome; pero entre elas, a que non convén esquecer é a de Gades, que confina co Estreito e se encontra separada do continente por un pequeno brazo de mar semellante a un río. Do lado da terra firme é case recta; do lado que mira ao mar érguese e forma, no medio da costa, unha curva, rematada por dous promontorios, nun dos cales hai unha cidade florecente do mesmo nome que a illa, e no outro, un templo de Hércules Exipcio, célebre polos seus fundadores, pola súa veneración, pola súa antigüidade e polas súas riquezas. Foi construído polos tirios; a súa santidade débese a que garda as cinzas (de Hércules); os ano que ten cóntanse dende a Guerra de Troia.

Pomponio Mela (III, 6, 46)


[CLASIFICACIÓN]

O parágrafo corresponde a unha obra de xeografía antiga coñecida como Corografía, da autoría de Pomponio Mela, escritor hispano do s. I d.C. Nesta obra facíanse amplas descricións do mundo coñecido daquel tempo, por rexións (ao que obedece o título “corografía”), fundamentalmente de Europa, norte de África e rexións asiáticas.

[RESUME]

Descríbese o litoral bético, no que se salienta a illa de Gades, situada preto do Estreito. Dísenos que nun promontorio da mesma hai unha cidade do mesmo nome (Gades) e noutro próximo se sitúa un templo construído polos tirios dedicado a Hércules Exipcio. O templo era famoso polas súas riquezas e a súa antigüidade, que remontaría aos tempos da Guerra de Troia.

[ANÁLISE: Explicación do contido. É a ocasión para aclarar os termos, conceptos e situacións que nos permiten contextualizar o relato, identificando aos protagonistas, os momentos e os lugares da acción histórica da que se trata]

A toponimia e o vocabulario empregado por Mela para describir esta rexión é a propia da xeografía romana da época. A Bética é como se coñece naquel momento a Provincia hispana máis meridional (en torno a Andalucía, fundamentalmente), e o Estreito é sen dúbida o de Xibraltar.
A illa e a cidade do mesmo nome que se mencionan corresponden á actual Cádiz, famosa na Antigüidade por ser a máis antiga atribuída aos fenicios en Occidente. De feito, é aos tirios (cidadáns da cidade fenicia de Tiro) a quen se lle adxudica a fundación, non moito despois da Guerra de Troia, que a historiografía antiga sitúa en torno ao ano 1200 a.C.
Tamén a expresión “Hércules exipcio” responde á tradución greco-romana dun deus tirio, Melkart, fácil de identificar con Hércules/Heracles pola súa faceta de deus viaxeiro e pacificador [a súa cualificación como “exipcio” atribúese a un carácter específico do Melkart gaditano que lembraría ao deus exipcio Osiris]

[Comentario (propiamente dito): Póñense os elementos analizados en relación cos contidos da materia, de maneira que integremos os elementos do texto no contexto histórico xeral no que se insire. Aquí debemos mostrar os nosos coñecementos xerais sobre o tema concreto que tratamos].

A Península Ibérica entra na Idade Antiga cando se insire na órbita das culturas letradas de Oriente Próximo, máis concretamente dende a chegada dos navegantes fenicios ás costas peninsulares nun momento indeterminado da Idade do Ferro. A cuestión da fundación de Gádir (nome fenicio de Cádiz) recollida na noticia de Mela sitúase xustamente no centro deste problema cronolóxico, pois este autor sitúa aquela presencia fenicia tan cedo como no ano 1100 a.C., dato non corroborado polas nosas fontes arqueolóxicas.
O debate historiográfico en torno á antigüidade desta fundación é de longa tradición e segue vixente aínda hoxe, como vemos a través da discusión entre Alicia Canto,historiadora defensora da veracidade das fontes escritas, e Diego Ruíz,arqueólogo defensor do método propio do seu oficio.
Pero, que sabemos en realidade de Gádir e da presencia fenicia na Iberia? No que podemos estar todos de acordo é que ao longo do primeiro milenio antes de Cristo, tanto os fenicios como os gregos emprenderon viaxes de exploración por todo o Mediterráneo, atrevéndose cara a latitudes ignotas e cheas de perigos na imaxinación mítica dos antigos. Entre as crenzas que rodeaban o extremo occidente salientan as relativas á riqueza metalífera, o que finalmente a realidade acabaría confirmando ao entrar en contacto co “reino de Tartesos”.
A riqueza mítica fíxose realidade tan axiña como puxeron os seus pés nese territorio, tras o cal comezaron a crear as infraestruturas necesarias para a súa explotación. Os primeiros contactos, de carácter comercial, remontan a un período coñecido como “período precolonial”, cando se supón que os comerciantes chegaban a un lugar costeiro no que establecer relacións de intercambio cos indíxenas.
A necesidade de asegurar contactos pacíficos que propiciasen o intercambio é a razón pola cal os primeiros asentamentos fenicios adoitan ser santuarios, lugares privilexiados na Antigüidade para establecer encontros pacíficos buscando a protección dos deuses. A datación dos restos precoloniais na Península, que corresponden a concentracións de materiais de procedencia oriental en lugares moi puntuais sen relación con asentamentos fixos, non remontan máis alá do cambio do IIº ao Iº milenio (en torno a s. X a.C.).
Por esta razón é difícil aceptar que Gadir remonte a tempos aínda anteriores (1100 a.C.) como sosteñen as fontes clásicas, dado que, por este tempo, aínda non se detectan asentamentos fenicios coloniais propiamente ditos.
Que é un asentamento colonial fenicio? Se os primeiros contactos se establecen por medio de relacións comerciais esporádicas con base en encraves con santuarios (compoñente imprescindible da factoría comercial que os gregos chamaron emporion), a consolidación desa relación mediante a instalación de poboación fixa en territorio estranxeiro é o próximo chanzo do proceso colonial. De feito, unha colonia, sexa fenicia ou grega, non é máis que o transvase de poboación oriúnda dunha cidade fóra da mesma, xeralmente para replicala. De aí que as novas colonias adoiten reproducir as infraestruturas da metrópole e a súa mesma estrutura social.
Este proceso, só claramente documentado arqueoloxicamente en Iberia durante o chamado período orientalizante (así coñecido pola influencia oriental precisamente achegada polos fenicios, entre os séculos VIII-VI a.C.), vese no entorno de Cádiz e outros lugares do sur peninsular que presentan estruturas urbanas tipicamente orientais, como recintos amurallados, fieiras de casas de planta rectangular seguindo o trazado de rúas longas e estreitas, ademais de arquitecturas portuarias destinadas á almacenaxe de mercadorías e á transformación de materias primas (fornos para cerámica e metalúrxicos, fundamentalmente). Estas actividades están en relación directa coa función comercial da colonia, que consegue a extracción da materia prima metálica (a Bética é rica en metais, como o cobre e a prata) estimulando as relacións de produción das comunidades indíxenas tartésicas, que por ese motivo ven aumentar considerablemente as súas diferenzas sociais e os obxectos de prestixio ben perceptibles no rexistro arqueolóxico.
Ao tempo que se estimula esa produción local, créanse as infraestruturas para a súa transformación posterior, o que dá sentido ao círculo comercial fenicio, pois, para conseguiren materia prima metálica, intercambian produtos primarios moi aprezados (viño e aceite, salgaduras, salsas...) e máis obxectos manufacturados, tanto fabricados por eles como adquiridos tamén polo comercio: telas tinxidas con púrpura, cerámicas finas (tamén gregas), adornos de pasta vítrea, ferramentas e armas metálicas...
O papel de Gádir como colonia dentro dun territorio extensamente ocupado polos fenicios en todo o sur peninsular, a ambos lados do Estreito de Xibraltar, enténdese como centro xestor dos intereses da cidade metropolitana, Tiro, que tería no templo de Melkart “celebre polas súas riquezas”, a institución encargada de centralizar a actividade económica da colonia. Desta dependerían ademais as actividades desenvolvidas polas outras factorías e os barrios comerciais creados noutros encraves ou incluso no seo de comunidades indíxenas do entorno.

[Síntese (conclusión): Como interpretar o texto en canto fonte histórica? Existe moita distancia temporal/espacial entre o autor e os feitos relatados –trátase dunha fonte primaria ou secundaria-? Relátanse feitos cribles ou non? Cal é a posición do autor respecto ao tema que trata? Trátase dun texto transcendente ou secundario?, etc., etc,.... - Se tes unha opinión persoal ao respecto, expona agora.]

O texto a comentar de Mela ten dúas partes claramente diferenciadas:
-       a descrición da Gades contemporánea, o cal non supón ningún conflito e pode considerarse obxectiva, aínda cando se nos represente como unha illa (fronte á peninsularidade actual).
-       a datación da fundación da cidade en 1100 a.C., o cal, como noticia indirecta, resulta máis difícil de verificar e, por tanto, de crer.

A credibilidade das fontes clásicas é un problema a resolver pola crítica textual, o que supón valorar as orixes da noticia e a intencionalidade do autor á hora de transmitila. No caso da cronoloxía da fundación de Gadir/Gades, Mela non fai máis que reproducir un dato continuamente copiado polos autores antigos que lle serven de fonte, polo que pode supoñerse certo acriticismo pola súa parte á hora de asumila.
A posibilidade histórica dunha data tan recuada é sostida por algúns historiadores e cuestionada por outros, porque, simplemente, parten de metodoloxías de análise diferente. Mentres uns fían argumentos baseados nas fontes escritas, outros só acreditan nas fontes materiais resultado das pesquisas arqueolóxicas. Ningún destes métodos por si só é capaz de concitar o acordo entre todos os especialistas, polo que sería desexable unha solución de compromiso, pola que todos puidesen chegar a un encontro.
Se ben é certo que hai moito de inventiva nas fontes clásicas, tamén o é que a arqueoloxía é moi azarosa, pois non atopa todo o que hai, senón só o que lle cadra. Por esa razón, a medida que avanzan as pesquisas arqueolóxicas vese como van recuando cara atrás as datas que sitúan a presenza fenicia na Península Ibérica. Será cuestión de tempo que se documente unha Gádir nos tempos da Guerra de Troia?

Data da fundación de Gadir. Debate historiográfico

Gadir, fundada segundo a tradición literaria grega 80 anos despois da Guerra de Troia (ano 1100 a.C.) e segundo a actual investigación arqueolóxica non antes do s. VIII a.C., é en todo caso unha das primeiras colonias fenicias creadas en occidente, máis alá das Columnas de Hércules. 
En torno á cronoloxía da súa fundación hai interesantes achegas a favor de unha e outra hipótese, que representan ben Alicia Canto e Diego Ruíz, como podemos comprobar nos seguintes enlaces:

1. ¿Fundaron los fenicios Gadir en 1100 a.C.?
16.03.12 - 00:17 -
DIEGO RUIZ MATA | CATEDRÁTICO DE PREHISTORIA

http://www.lavozdigital.es/jerez/v/20120316/opinion/fundaron-fenicios-gadir-1100-20120316.html

2. Sí, los fenicios fundaron Gadir hacia 1.100 a. C.

03.04.12 - 00:44 -
ALICIA Mª CANTO | DOCTORA DE LA UNIVERSIDAD AUTÓNOMA DE MADRID

http://www.lavozdigital.es/jerez/v/20120403/opinion/fenicios-fundaron-gadir-hacia-20120403.html

3. “Domínguez Monedero. Gadir. Pdf” (en Faitic, Bibliografía complementaria 1)

4. Outras fontes literarias sobre o tema, tamén en Faitic: “Wagner. Expansión fenicia, Fontes.pdf”

sábado, 9 de diciembre de 2017

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (2) Tabula Lougeiorum, ano 1 d.C. e Tessera do Caurel, ano 28 d.C.


Unha tabula epigráfica de bronce en período romano adoita ser un documento xurídico e público, non portátil, senón pensado para o seu depósito e exhibición nun lugar fixo. A tessera, pola contra, adoita ser ese mesmo documento pero sobre soporte portátil. Sen embargo, a aplicación dese principio non parece ser todo o rigorosa que nos gustaría. Por esa razón, dous documentos formalmente tan semellantes entre si como a Tabula Lougeiorum e a Tessera do Caurel reciben cadansúa denominacións, aínda cando todo parece indicar que se trataba de documentos sobre o mesmo tipo de soporte, é dicir, sobre tabula.
Estas dúas táboas de bronce proceden da mesma zona, a Serra do Caurel, e non hai máis que 28 anos de diferenza cronolóxica entre elas. Calquera delas sitúanos nun tempo inmediatamente posterior ao remate das Guerras Cántabras do ano 19 a.C., e non moi lonxe tería aparecido o Bronce de Bembibre.
Ofrécense a continuación os seus textos traducidos seguidos dos seus respectivos comentarios históricos.

Tabula Lougeiorum (ano 1. d.c.)

Sendo cónsules Gaio César, fillo de Augusto, e Lucio Emilio Paulo, a Civitas Lougeiorum “cidade dos Lougeios”, do convento Ara Augusta da gens Asturum [xente dos Ástures], asinou un pacto de hospitalidade con Gaio Asinio Gallo, fillos e descendentes, escolléndoos como patronos. Pola súa parte, Gaio, os seus fillos e descendentes, reciben aos membros da civitas, fillos e descendentes, na súa fides e clientela. Fixérono os legados Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de Andamo.
RESUME: Unha civitas ástur do conventus Ara Augusta asina un pacto de hospitalidade cun cidadán romano, polo que este se converte en patrón da comunidade e esta asume o seu papel de cliente. O documento é asinado por dous representantes públicos (“legados”).
Tábula Lougeiorum

TERMOS TÉCNICOS e HISTÓRICOS: civitas, conventus, Ara Augusta, gens Asturum, Gaio Asinio Gallo (tria nomina), patrón, fides, clientela, Silvano Clouti (nome + patronímico)

COMENTARIO
Estamos en pleno ano primeiro da nosa era e en territorio ástur, o cal quere dicir que a guerra de conquista definitiva da comunidade mencionada neste epígrafe rematara había apenas 20 anos. De aí que moitos aspectos da realidade que reflicte este epígrafe posúan unha marcada aparencia indíxena.
A Civitas Lougeiorum é unha comunidade que se identifica nesta tábula por medio dun étnico, “os Lougeios". A falta de adecuación do mundo indíxena do noroeste aos esquemas políticos romanos facía que o vocabulario institucional latino non se axeitase demasiado ben a aquela realidade, de aí que se cualifique como civitas algo que seguramente aínda estaba lonxe de poder responder a esa definición.
Populi e civitates
A civitas era a comunidade organizada ao xeito da cidade romana, é dicir, cun centro urbano, co seu territorio de explotación, e provista das súas institucións políticas e de goberno: uns maxistrados, un senado, uns comicios ou asembleas cidadáns... Os comicios reunían ao populus romanus, o corpo cívico que actuaba politicamente cando se xuntaba en asemblea e participaba nas decisións de goberno (sempre controladas polos maxistrados e o senado). O populus, por tanto, era o corpo de cidadáns da Civitas Romana.
No Noroeste, rematadas as conquistas, os pobos indíxenas cualifícanse indistintamente como populi ou civitates nas fontes latinas, seguramente porque os conxuntos poboacionais identificados polos seus étnicos (Lougeios, Límicos, Tamaganos, Coporos, Celticos Supertamaricos, etc., etc.) van ser as unidades sociais mínimas para a reorganización política romana: a intención será, por tanto, organizar a civitas partindo de cada populus indíxena.

Tras a conquista, todas as poboacións sometidas pasaban a ser civitates peregrinas (estranxeiras, sen estatuto xurídico ou dereitos recoñecidos), tamén chamadas estipendiarias (sometidas ao pago de tributos e ao aprovisionamento das lexións con tropas auxiliares). Esta condición afectaba naqueles tempos a todas as comunidades indíxenas do noroeste, excepto quizais ás cidades de fundación augústea (ca. anos 15-13 a.C.) Astúrica, Lucus e Brácara Augusta, únicas urbes coñecidas neste ámbito naquel momento.
Esta situación non cambiaría substancialmente ata o último terzo do s. I d.C., cando o emperador Vespasiano, segundo Plinio o Vello (na súa Historia Natural), lle concedeu a toda Hispania o Ius Latii, o Dereito Latino. En virtude desta concesión, todas as cidades pasarían a organizarse segundo o modelo do municipio latino, o que supoñía concederlles case todos os privilexios da cidadanía romana aos seus habitantes (casar lexitimamente, facer transaccións económicas legais, exención do tributo peregrino...; non se incluía entre este dereitos a capacidade de facer carreira política ao nivel imperial ou provincial, para o que había que dispoñer da plena cidadanía romana. Esta só se lles outorgaba aos cidadáns que cumpriran cargos de responsabilidade nas súas respectivas civitates de dereito latino -logo de exerceren como duoviros (maxistrados das civitates) ou decurións (membros da curia ou senado local).
Pero no decurso entre a conquista e esta promoción xeral das civitates hispanas, estas van atravesar un proceso de adaptación ao modelo romano que pasa por diversas fases e emprega diferentes recursos políticos.
O primeiro que require unha civitas é un centro urbano, cousa que non temos no noroeste hispánico en tempos prerromanos. A medida que vamos avanzando no século I, vanse creando asentamentos diferentes dos castros, poboados abertos, en chaira, e provistos das mínimas infraestruturas necesarias para cumprir cos servizos administrativos que vai centralizar ese asentamento respecto do territorio da súa civitas. Así nacen os conglomerados secundarios estudados por Fermín Pérez Losada.
O que caracteriza estes conglomerados é, especialmente, a súa funcionalidade na rede xeral de asentamentos: son as sedes nas que se centraliza a organización cidadá para o recrutamento de tropas e a recadación de tributos. Ademais diso, son centros de culto imperial, de produción de manufacturas e de redistribución das mesmas, constituíndose por tanto como núcleos territoriais de dispensa de servizos e mercadorías.

Este tipo de núcleos han estar presentes nalgunha medida na organización administrativa e socio-política de tipo romano para facer viable a súa promoción xurídica ao estatuto de municipio.
Os conventus
Considerando a ausencia de urbes na Gallaecia e Asturia prerromanas, Roma necesitaba infraestruturas mínimas para centralizar a súa administración, e foi por iso polo que crearon os conventus (literalmente “lugares de reunión”) ou, mellor dito, os Conventus Iuridici. Tratábase de circunscricións territoriais dotadas dun centro urbano, que estaban sometidas á autoridade dun Legado Xurídico do emperador, que viña sendo o gobernador provincial. Supoñíase que este, nos seus labores de control e supervisión de toda a provincia, dispoñía destas sedes para reunirse esporadicamente cos pobos indíxenas para impoñer o culto imperial e impartir xustiza, axudándose dun corpo de funcionarios imperiais destinados a cada unha destas circunscricións para auxilialo nos labores de goberno e administración (sobre todo reforzar o culto imperial, organizar a recadación de tributos e a leva de soldados auxiliares).
Durante moito tempo pensouse que estes conventus, con sede en Lucus Augusti (de aí Convento Lucense), Bracara Augusta (Convento bracaraugustano) e Asturica Augusta (Convento Asturicense), serían creados na segunda metade do s. I d.C. (porque os cita Plinio, por exemplo -III, 4,28-, non así os escritores de época augústea), por iso é tan relevante a Tabula da Civitas Lougeiorum.



Neste documento cítase por vez primeira un conventus descoñecido ata ese momento: o conventus de Ara Augusta. A tabula refire que este conventus se sitúa entre a Gens Asturum. Con esta expresión faise referencia xenericamente ao pobo dos ástures, xustamente os que logo, nun momento indeterminado do s. I d.C., habían ser organizados no Conventus Asturicense.
Sobre a localización do conventus de Ara Augusta non é posible pronunciarse con seguridade, posto que non hai nada na tabula nin noutra documentación externa que nolo indique. Pero é importante sinalar que recibe unha denominación relativa ao culto imperial, pois unha Ara Augusta é un altar dedicado ao culto de Augusto. Sabemos por exemplos de organización conventual noutras provincias occidentais do Imperio que o culto imperial se empregaba como medio de integración dos pobos indíxenas en torno a ese culto obrigado e común, polo cal eses monumentos adoitaban erixirse en importantes centros políticos indíxenas prerromanos (caso da Ara Ubiorum na Xermania Inferior ou da Ara Lugdunensis na provincia do mesmo nome, na Galia).
A Tabula Lougeiorum sitúa, por tanto, a configuración dos primeiros conventos xurídicos do noroeste en época augústea (polo menos no ano 1 d.C.), o cal ten máis sentido que en época flavia, cando a súa creación había ser bastante menos urxente que inmediatamente despois de rematada a conquista.
Sobre os Pactos de Hospitalidade, Patronato e Clientela
Os Pactos de Hospitalidade eran acordos privados que na Antigüidade se facían entre particulares para ofrecerse mutua protección. A inseguridade na que se movían os viaxeiros que saían das súas comunidades facía necesarios e moi útiles estes pactos, pois provían aos estranxeiros de valedores e hospedaxe segura en comunidades alleas. Estes pactos son moi coñecidos entre gregos, romanos, e tamén entre os Celtíberos, dos que teñen aparecido numerosas téseras de hospitalidade redactadas en alfabeto ibérico e lingua celtibérica. Entres os Ástures, a Tésera de Astorga ou dos Zoelas do ano 27, na que se renova un pacto de hospitalidade “antiquísimo”, fai pensar que tamén eran empregados no noroeste en época prerromana.
Na tábula Lougeiorum a civitas fai un pacto de hospitalidade cun individuo con trianómina latinos, o que informa de que se trata dun cidadán romano. Hoxe sábese que Gaio Asinio Gallo era de feito un personaxe renomeado en Roma, da clase senatorial, e tamén que fora, había non moito tempo, gobernador da Tarraconense. 
Os pactos de hospitalidade eran en orixe acordos privados entre individuos do mesmo estatus, por iso parece difícil de comprender por que se aplica neste caso á relación entre un individuo e unha civitas enteira. Tanto máis canto que, de seguido, media entre as partes un tratado de patronato e clientela.
O patronato/clientela é a relación desigual que se establece entre un individuo de rango superior e outro de rango inferior, que asume unha posición de dependencia. Nestas relacións asimétricas tamén cabe unha clientela de carácter colectivo (un colexio profesional, unha civitas, etc.), pois do que se trata é de elixir un patrón que, pola súa riqueza e influencia política sexa quen de protexer ao(s) seu(s) cliente(s) que, a cambio, ofrecen servizos, honores e lealdade ao seu patrono.
Nestes pactos a lealdade exprésase e refórzase mediante a fórmula “in fidem recepit” (“recíbeos en fides”), onde a mención á fides (traducido por “boa fe”, ou máis comodamente como “fidelidade”), alude ao compromiso adquirido e selado mediante un xuramento, un acto protexido polos deuses que se poñen como testemuña do pacto (o propio Xúpiter).
O pacto dos Lougeios, ofrecéndose como cliente a un notable romano, responde con bastante fidelidade ao modelo clásico dos pactos de patronato/clientela, segundo os cales unha comunidade pretende a un personaxe importante para que os protexa e medie por ela fronte ás autoridades romanas. Neste sentido, a antigüidade da nosa tábula fai pensar tamén nunha estratexia romana que favorecese a rápida integración e pacificación dun populus recentemente conquistado ofrecéndolle un valedor ante as esixencias do Imperio.
A combinación nun mesmo pacto do hospitium e do patronatus dáse en moitos outros documentos desta época e características, e aínda noutros pactos nos que esa convivencia parecería ter pouco sentido. Tal é o caso da tésera do Caurel, cuxa análise pode axudar a comprender a verdadeira natureza destes pactos.

Tésera do Caurel (ano 28 d.C.)
Sendo cónsules Appio Iunio Silano e Publio Silio Nerva, Tillego fillo de Ambato, Susarro, do ᴐ Alobrigiaeco, fixo un pacto de hospitalidade cos Lougeios do Castellum Toletum, para si, a súa muller, fillos e descendentes. E aqueles recibírono a el e aos seus para sempre na súa fides e clientela. Fixérono o mesmo Tillego Ambati e os maxistrados Latino Ari e Aio Temari.
RESUME
Tésera do Caurel
Un individuo, do que se menciona a súa procedencia, asina un pacto de hospitalidade cos habitantes dun castellum que non é o seu, e estes acéptano en calidade de cliente. Asinan o pacto o individuo máis os representantes do castellum.
TERMOS TÉCNICOS E HISTÓRICOS: Susarro, ᴐ Alobrigiaeco, pacto de hospitalidade, Lougeios, Castellum Toletum, fides e clientela, Tillego Ambati [duonomina], maxistrados

COMENTARIO
Estamos no mesmo contexto histórico que o da Tabula Lougeiorum, pois só median 27 anos entre ambos os documentos. Sen embargo, neste último vemos implicadas realidades indíxenas diferentes e un sistema de relacións tamén distinto, ou máis concretamente xusto o inverso, pois aquí é un individuo o que entra en relación de clientela dunha comunidade patroa.
Tillego, un Susarro do ᴐ Alobrigiaeco é quen se fai cliente dunha comunidade enteira, os habitantes dun castro, pertencentes ao mesmo populus dos Lougeios que se fixo cliente do dignatario romano Asinio Gallo.
Fóra do contido do pacto que se establece entre estas partes, o interesante da Tábula do Caurel é que contén dúas expresións da orixe dos implicados que, pola diverxencia na fórmula empregada (castellum e ᴐ), fixo pensar durante moito tempo que se trataba de realidades distintas. E quizais o fosen, aínda que hoxe en día parece haber acordo en que o ᴐ é simple abreviación de “castellum” (ver aquí un comentario máis polo miúdo deste tema).
En todo caso, como interpretar a inversión da tendencia que supón unha comunidade exercendo de patroa dun individuo, un castro con respecto a Tilego? A resposta non parece simple.
Os casos nos que unha comunidade asinaba cun particular un pacto de hospitalidade era o que en Roma se chamaba un “hospitium publicum”, que consistía en que a comunidade concedía algo así como unha cidadanía honorífica ao suxeito co que conviña o tratado. Nese contexto o hospitium aseguraba ao individuo un trato preferente dentro da comunidade (aloxamento, coidados especiais, agasallos...), que asumía ese compromiso como responsabilidade pública.
O hospitium publicum non figura como fórmula xurídica nos pactos en cuestión, nos que só se distingue a soa mención do hospitium, de hospitium con patronato ou de hospitium con clientela, en función do rango do socio en cuestión: se era senatorial, como Asinio Gallo, a comunidade ofrecíalle o patronatus; e se era do rango dos equites (cabaleiros), como o prefecto militar da tábula de Castromao, daquela a comunidade ofrecíalle un hospitium; pero tamén vemos comunidades como o Castellum Toletum ofrecéndolle a un peregrinus o hospitium máis clientela, o que debía ser simplemente unha acollida na comunidade.
Tilego, un individuo de onomástica indíxena, dun castro dos Susarros, por tanto moi próximo ao castro Toledo do pobo dos Lougeios co que asina o pacto, é claramente un peregrinus que non sabemos que ten que ofrecer aos toletenses. En calquera caso, Tilego parece estar á altura da comunidade coa que pacta, que, a diferenza do habitual, tampouco é unha civitas, senón un simple castellum.
Todo o relativo ao documento do Caurel está imbuído dun forte indixenismo, que seguramente explica o uso destes tratados fóra da práctica xurídica romana, como simples medios de integración social e política con raíces na tradición céltica local. Indíxenas son tamén os legados dos populi e castella implicados, quen non disimulan o seu indixenismo a través das súas fórmulas onomásticas (simple nome de pía + patronímico): Silvano fillo de Clouto e Noppius fillo de Andamo da Civitas dos Lougeios, e Latino fillo de Aro e Aio fillo de Temaro, do castro Toledo, da mesma Civitas dos Lougeios.

Bibliografía
BELTRÁN LLORIS, F. (2013) “Hospitium publicum municipal en la Hispania Tarraconense”, en R. M. Cid y E. García (eds.), Debita verba. Estudios en homenaje al profesor Julio Mangas Manjarrés, Oviedo, pp.173-187
DOPICO CAÍNZOS, MªD. (1986) "Los conventus iuridici. Origen, cronología y naturaleza histórica", en Gerión 4 
RODRÍGUEZ COLMENERO, A. (1997) "La nueva tabula hospitalis de la Civitas Lougeiorum. Problemáticay contexto histórico", en Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik 117
SANTERO SANTURINO, J.Mª e RODRÍGUEZ NEILA, J.F. (1982) “Hospitium y Patronatus sobre una tabla de bronce de Cañete de las Torres (Córdoba)”, en Habis nº13

1. CONQUISTA E ROMANIZACIÓN DO NOROESTE PENINSULAR. (3) Os castella

O castro como forma de asentamento privilexiado ao longo de toda a Idade do Ferro vaise manter nos primeiros tempos da Romanización como unha modalidade máis das que van integrar a rede xeral de asentamentos, entre as urbes e os demais aglomerados secundarios e terciarios, abertos e construídos nas zonas baixas.

A continuidade do castro como hábitat corrente entre os galaicos e os ástures en época romana ten confirmación non soamente arqueolóxica, senón tamén na epigrafía das dúas rexións. De entrada, vémolos mencionados no primeiro documento epigráfico coñecido, que remonta ao contexto das guerras cántabras: o Bronce de Bembibre.
Neste, como xa vimos noutro apartado, menciónanse polo menos 2 castros, o que en terminoloxía latina se expresa como castellum: o castellum Paemeobriga e o Castellum Aliobrigaecino. Ambos os castella están adscritos a senllas comunidades superiores ou populi: os Susarros e os Gigurros, pobos situados en torno ás ribeiras do río Sil, entre Vadeorras (Ourense) e Bembibre (León).- Ver mapa-


O castellum
Unha das principais achegas deste documento para o coñecemento do pasado prerromano da rexión, é facer notar que un castellum podía ser unha entidade independente doutras de rango superior, pois na tábula se recoñece, entre outros privilexios, o dereito do castellum Paemeiobriga de conservar o seu territorio íntegro, como o tiña antes da conquista. Enténdese, por tanto, que o castro contaba co seu propio ager ou territorio de explotación.
Estela de Crecente, Lugo
A supervivencia dos castros como lugares de habitación habitual entre os Galaicos ao longo de todo o s. I d.C., maniféstase na proliferación na epigrafía funeraria das mencións a estes castella como os lugares de procedencia dos seus habitantes. Mais, esa procedencia podía tamén sinalarse epigraficamente mediante un signo en forma de “c invertido”, cuxo significado, non obstante, foi durante longo tempo debatido polos historiadores. Ese “c invertido”, que na epigrafía latina en xeral podía abreviar diferentes realidades (centuria, curia, censo, etc.), non se sabía a cal delas podía responder, ou cales serían as súas peculiaridades, pois parecía evidente que reflectía, non unha institución romana estándar, senón outra de carácter indíxena. Finalmente, considerando que ese "c invertido" adoita acompañar formas toponímicas (nomes de lugares moitos deles sinalados polo elemento céltico -bris/-briga, que expresa xustamente un poboado fortificado ou castro), deduciuse que ese “c” simplemente abreviaba o latino “castellum”.
O que tiñamos, por tanto, era a frecuente identificación dos indíxenas galaicos co seu propio castro para sinalar o seu lugar de procedencia, máis a referencia ao populus, a organización de rango superior que só se mencionaba na epigrafía cando o defunto morría fóra do seu pobo de orixe.
A estela de Crecente, un caso entre moitos, ilustra o uso destas expresións na identidade dunha muller galaica procedente da zona do Barbanza e enterrada non moi lonxe da cidade de Lugo: 
"Apana filla de Ambollo, do ᴐ Miobrigo, Celtica Supertamarica, de 25 anos, aquí xace. O seu irmán Apano...”

Ara atopada en Ponteceso, A Coruña
Tamén se constata a actuación dun castellum como oferente dunha ara en honor dun deus: a do  Castellum Aviliobris a I.O.M (Xúpiter Óptimo Máximo, o deus supremo do Estado Romano).- Foto adxunta. 
O populus
A mención do populus era frecuente en toda a Hispania Antiga entre os habitantes das comunidades indíxenas porque era sen dúbida a unidade étnica de referencia para aqueles antes da conquista, pero incluso tamén despois dela, pois os populi foron as entidades territoriais que serviron de fundamento para a formación das civitates peregrinas (máis tarde, municipios).

Pero se a mención do populus para referir a orixe era habitual nas Hispanias, non así a referencia ao castro, que a práctica epigráfica só reflicte no Noroeste. Durante longo tempo pensouse que ademais só identificaba aos habitantes da Gallaecia, pero novos achados epigráficos demostran que tamén os ástures sinalaban a súa procedencia mencionando o castellum ou o "c invertido" (aínda que nesa zona tamén se documentan as gentilitates, como as do Pacto dos Zoelas (Zamora-Tras os Montes), cuxa natureza non se considera territorial -ou castrexa-, senón xentilicia -relativa a un grande grupo de parentesco, do estilo dun clan ou algo semellante).

A datación de todos estes testemuños de castella e c invertidos epigráficos ao longo do s. I d. C. e a súa desaparición xustamente tras a fin deste século, interprétase como resultado da promoción xurídica de Vespasiano no último terzo deste século. Posto que a maduración dos vellos populi permitiría que xa estivesen en disposición de asumir o novo estatuto privilexiado (o Ius Latii), deixaría de ser pertinente a mención de entidades menores para a identificación dos individuos, que en adiante xa só empregarían como indicación de orixe a referencia á súa civitas:

Século I d.C. (individuo con nome indíxena, mención de castro e populus) Anceito fillo de Vacceo, do castro Talabriga, Límico.
Século II d.C. (individuo con trianómina latinos e mención de civitas): Lucio Sulpicio Rufino, Límico
 Evolución dos castella
Castro e aldea de Castromao
Superado o tránsito da organización indíxena á romana, o castro seguirá sendo lugar de asentamento habitual en moitos lugares, pero asumindo novas funcións e posicións moi diferentes na trama do poboamento. Algúns deles parece que puideron ser aproveitados como capitais de civitates, pois xa en tempos prerromanos puideron gozar dunha posición privilexiada na urda política e territorial. 
Así se interpreta o castro de Castromao (Celanova, Ourense), cuxa identificación coa Coeliobriga ptolemaica, suposta capital da civitas dos Coelernos, vén avalada pola aparición entre os seus restos castrexos dunha tábula de hospitalidade datada nos mediados do s. II d.C., na que se implica á mencionada civitas.
Castro de Viladonga, ocupado ata o s. IV d.C.
O castrexo foi un fenómeno habitacional difícil de superar incluso despois da Romanización, pois moitos teñen continuidade na paisaxe do noroeste en forma de aldeas galaico-romanas, que deixan de ser castros porque traspasan os límites das vellas murallas e xa non se fortifican, pero continúan o poboamento no mesmo espazo. Hai tamén casos senlleiros nos que os castros continuaron coa súa fisionomía tradicional ata a tardorromanidade (é ben coñecido o castro de Viladonga, Castro de Rei, Lugo), e tamén sabemos da reocupación de vellos castros nos tempos inseguros das invasións bárbaras, xa cun pé nos tempos medievais.

domingo, 3 de diciembre de 2017

HAPI. Comentario de Texto: Plinio III, 4-18; 30

(4, 18) A provincia [Citerior Tarraconense] propiamente dita, ademais das 293 cidades tributarias doutras, contén 179 poboacións, das que 12 son colonias, 13 poboacións [oppida] de cidadáns romanos, 18 de antigos latinos, 1 federada e 135 estipendiarias [...]
(4, 30) O emperador Vespasiano Augusto concedeu o Dereito Latino a toda Hispania cando estaba axitada por desordes públicas.

   (Plinio Historia Natural, III, 4, 18; 4, 30)

O autor e a obra
A Historia Natural é a única obra de Plinio o Vello (s. I d.C.) que se conserva, e ademais íntegra 37 libro (é unha das máis extensas da literatura latina). Trátase dunha obra de difícil clasificación, pois abrangue todo tipo de saberes: ciencias naturais, farmacopea, literatura, historia, arte, xeografía, etnografía, paradoxografía (relatos marabillosos), etc. Neste sentido, case podería cualificarse como unha verdadeira enciclopedia.
Desta obra interésanos particularmente o libro III por recoller esta noticia e estar dedicado en xeral á descrición da Península Ibérica da súa época, é dicir, dos tempos das dinastías xulio-claudia e flavia. Foi daquela cando Hispania experimentou o maior esforzo de reorganización político-administrativa por parte do Imperio.

Resume do texto
Descrición da Provincia Citerior Tarraconense, informándonos do número de comunidades segundo as súas diferentes condicións xurídicas. Tamén se nos di que Vespasiano lle concedeu a toda Hispania un estatuto particular: o do dereito latino.

Aclaración de termos e conceptos 
Unha provincia romana é unha circunscrición administrativa creada sobre un territorio conquistado e encargada para a súa xestión a un xeneral, quen detén poderes militares e de quen depende o seu control e administración xeral.
Dentro de cada provincia había diferentes tipos de comunidades en función dos estatutos particulares que Roma lles outorgaba. Os estatutos en cuestión, aos que alude o texto, eran:
- De dereito romano: outorgaba a calidade de cidadán romano a todos os habitantes da cidade, co desfrute de todos os dereitos cívicos e políticos dun cidadán de pleno dereito (dereito a casar para dispoñer de herdeiros lexítimos; dereito a comerciar, para que se recoñeza a lexitimidade das túas propiedades; dereito de sufraxio, para elixir ou ser elixido nun cargo público ou na carreira administrativa..., etc.)
- De dereito latino (ou Ius Latii, o que Vespasiano outorga a todas as cidades de Hispania, segundo Plinio): paso intermedio entre o dereito romano e a absoluta falta de dereitos dos peregrini (estranxeiros). Dispoñían de case todos os dereitos, pero non podían facer carreira militar ou política en Roma, pois estaban privados do dereito de sufraxio (votar ou ser votado como representante público)
- De cidades federadas: dependentes dun foedus (tratado). Non hai nada xenericamente estipulado para este tipo de cidades, posto que cada foedus determina os límites dos dereitos e das obrigacións de cada unha.
- Cidades peregrinas (ou estranxeiras): eran as comunidades indíxenas conquistadas -moitas delas desprovistas de centros urbanos-, a quen non se lles recoñecían dereitos xurídicos, aínda que adoitaba recoñecérselles autonomía política e o pleno uso e desfrute das súas terras. Ademais, estaban sometidas a tributación colectiva, razón pola cal tamén se coñecen como “cidades tributarias ou estipendiarias”. 

Comentario 
A Provincia Citerior existe dende a derrota dos Cartaxineses na IIª Guerra Púnica, cando Roma, tras expulsar a aqueles da Península nos anos finais do s. III a.C., comeza a reorganización dos territorios conquistados. Naquel tempo aínda faltaban por conquistar os Celtíberos e os Lusitanos, cuxas guerras ocuparían boa parte dos mediados do s. II a.C., e máis os territorios do Norte e Noroeste, que só foron incorporados a Roma tras a conquista de Augusto a finais do s. I a.C. Foi daquela cando se procedeu á definitiva división provincial das Hispanias, separándose a Ulterior en Lusitania e Bética, e ampliando a Citerior Tarraconense para acoller a todos os territorios ao norte do Douro.
Inmediatamente procedeuse á división das provincias en conventos xurídicos, novas circunscricións administrativas de menores dimensións, ao mando dun legado xurídico, ao seu tempo dependente do gobernador da provincia correspondente. Precisamente é Plinio quen mellor nos describe a subdivisión conventual, razón pola cal se pensou durante longo tempo que os conventos eran contemporáneos do escritor latino, dos tempos do emperador flavio Vespasiano. Pero un documento epigráfico, a Tabula Lougeiorum, datada no ano 1 d.C., menciona un conventus descoñecido ata o momento: o de Ara Augusta (na rexión dos ástures).
Provincias e Conventos acollen comunidades indíxenas prerromanas que Roma intenta controlar e organizar, para o cal adoita privilexiar ás comunidades colaboracionistas (porque colaborasen durante a guerra ou tras ela) e penalizar ás rebeldes, en maior ou menor medida segundo o grao da súa resistencia. A destrución dunha cidade tras a súa conquista (como Numancia), funcionaba como advertencia xeral ao resto das comunidades, que, en xeral, aceptaban a rendición incondicional (deditio) tras a súa derrota. As comunidades dediticias incorporábanse ao Estado Romano en calidade de “civitates peregrinae”.

- Estas eran as máis numerosas, como ben nos informa Plinio no texto a comentar.
- Máis escasas eran as colonias e as cidades de dereito romano, que estatutariamente eran iguais, pero con orixe diferente:
- As colonias adoitaban ser cidades creadas a imaxe e semellanza da Urbs, Roma, e, porque os seus habitantes eran de orixe cidadáns romanos, tamén a cidade ostentaba o estatuto que recoñecidos todos os dereitos cívicos e políticos. A orixe destas colonias era normalmente a concesión a unha unidade do exército lexionario dunha nova cidade na que se facía redistribución de terras entre os soldados beneficiados.
- As poboacións [oppida] de cidadáns romanos eran xeralmente cidades fortificadas (o que refire oppida) que adquirían o dereito romano, non porque os seus habitantes foran cidadáns romanos, senón por teren sido promocionadas por Roma a partir dunhas orixes peregrinas ou de rango inferior ao romano.
- As cidades de Dereito Latino tamén eran bastante escasas, ata que Vespasiano, segundo o propio Plinio, lle concedeu ese estatuto a toda  Hispania. Sen entrarmos a valorar as posibles razóns desta promoción xeneralizada, pode dicirse que no último terzo do s. I d.C, cando se aplica esta medida, a maioría das comunidades indíxenas estarían en condicións de merecer este recoñecemento por dispoñeren dun centro urbano e das infraestruturas básicas para asentar as institucións públicas da cidade necesarias para o seu goberno. Estas institucións, concibidas tamén a semellanza das do estado romano republicano, consistían en:
- Un colexio de maxistrados superiores (os duoviri)
- Maxistrados menores: ediles, cuestores...
- Un senado local (a curia, formada polos decurións)
A concesión do Ius Latii ou Dereito Latino ás cidades peregrinas, supoñía que se lles concedería a todos os seus cidadáns os dereitos políticos dos latinos, pero que as súas elites dirixentes (maxistrados e decurións) serían recompensados coa plena cidadanía romana ao remate dos seus cargos ou servizos.
A diferenza de estatuto xurídico das cidades quedará definitivamente abolida cando o emperador Caracalla, no ano 212 d.C., conceda a cidadanía romana plena a todos os homes [sic] libres do Imperio.